Unha rede potenciará e coordinará as 14 plataformas tecnolóxicas de Galicia para optimizar os recursos

Actualizado: miércoles, 30 abril 2008 19:18

A Xunta prevé destinar 3 millóns de euros para consolidar estas unidades e crear outras novas

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, anunciou hoxe a posta en marcha dun proxecto denominado 'Rede Neurona', que agrupará ás 14 plataformas tecnolóxicas de Galicia e buscará potenciar os recursos de cada unha destas unidades e facilitar a colaboración entre estas.

Na presentación desta iniciativa, o titular de Innovación e Industria explicou que a súa creación permitirá optimizar os recursos existentes en materia de tecnoloxía e innovación ao tempo que servirá para que as plataformas complementen as súas necesidades a través intercambios de ideas.

Fernando Blanco subliñou que a colaboración entre as actuais 14 plataformas tecnolóxicas galegas fomentará o crecemento do sistema galego de I+D+i e tamén indicou que o beneficio se trasladará ás 542 empresas e 44 asociacións empresariais que participan nas unidades tecnolóxicas.

Nesta liña, o conselleiro xustificou a importancia destas unidades para o sector económico ao aludir á aceptación por parte do Ministerio de Industria de aceptar unha proposta do departamento autonómico para nomear ás plataformas tecnolóxicas agrupacións empresariais innovadoras.

Así, 'Rede Neurona', que conta para a súa creación cunha dotación económica de 500.000 euros, articularase entorno á páxina web www.redeneurona.org e contará tamén cun catálogo no que se recollerán as posibilidades de aplicar os proxectos das plataformas nos diferentes sectores de I+D+i.

AXUDAS CON 3 MILLÓNS DE EUROS.

Por outro lado, o conselleiro adiantou que as plataformas tecnolóxicas disporán, coa próxima convocatoria de axudas, cun total 3 millóns de euros para consolidar as unidades xa existentes e favorecer a creación de novas unidades dedicadas á investigación e innovación tecnolóxica.

Os proxectos das plataformas galegas poderán ser presentados por pequenas e grandes empresas, centros públicos de investigación, universidades e centros tecnolóxicos. Destas iniciativas, as que reciban a categoría de excelencia poderán competir por axudas europeas pertencentes ao 'Fondo Tecnolóxico' da Unión Europea.