Xunta e Universidade de Vigo impulsan a creación do primeiro Laboratorio de Homologación de Vehículos de Galicia

Actualizado: miércoles, 23 abril 2008 19:06

Apoiarase nun centro xa existente e o seu posta en marcha requirirá unha inversión de tres millóns de euros

VIGO, 23 Abr. (EUROPA PRESS) -

A Consellería de Innovación e Industria solicitou hoxe a autorización ao Ministerio de Industria para a posta en marcha do primeiro Laboratorio de Homologación de Vehículos de Galicia, que desenvolverá o seu labor coa participación dun grupo de investigación da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Universidade de Vigo, que xa xestiona un laboratorio acreditado para a reforma de vehículos.

Segundo anunciou hoxe o conselleiro de Industria, Fernando Blanco, unha vez que o ministerio conceda esa autorización, o prazo estimado para a posta en marcha do novo laboratorio, no que traballarán en torno a unha decena de persoas, é dun ano. Así mesmo, explicou que se constituirá unha Fundación para xestionar ese centro que, segundo precisou, requirirá unha inversión inicial de tres millóns de euros aínda que a súa actividade será "autofinanciable".

O titular de Innovación explicou que "xa existe un estudio de viabilidade técnica" do proxecto que avala a súa implantación e que o plan de explotación económica definitivo estará rematado nun prazo duns dous meses.

A iniciativa da Consellería xorde a raíz da entrada en vigor da nova normativa europea sobre homologación de vehículos de motor e que, tal e como explicou, provocará un incremento no número de homologacións anuais, actualmente dun millar e que chegará ata as 21.000.

O novo laboratorio prestará servizo aos fabricantes de coches de 'segunda fase' e aos produtores de carrocerías de Galicia e do seu ámbito, que evitarán ter que desprazarse a Madrid ou Catalunya. Así, servirá para facer homologacións de series curtas --entre 75 e mil unidades, dependendo do tipo de automóbil-- e homologacións individuais --para carrocerías concretas--, ademais de novos ensaios físicos e verificacións dimensionais.

PARTICIPACIÓN DA UNIVERSIDADE.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago, resaltou que o novo laboratorio conta coa "solvencia" do grupo de investigación CUME da área de Enxeñaría Mecánica da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais, dirixido por José Antonio Vilán.

Así, o actual laboratorio será ampliado para responder aos requirimentos de homologación que marca a nova directiva europea e, segundo Gago, será unha "oportunidade inmellorable para facer visible a utilidade social da actividade universitaria en termos de I+D".