O BNG presenta a súa candidatura para as eleccións europeas "co aval dun traballo feito": "Galicia xógase moito"

Ana Pontón e Ana Miranda.
PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Publicado: jueves, 23 mayo 2024 13:08

VIGO, 23 May. (EUROPA PRESS) -

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) presentou este xoves en Vigo a súa candidatura para as próximas eleccións europeas, que se levarán a cabo o domingo 9 de xuño, reivindicado que está avalada por "un traballo feito": "Galicia xógase moito".

O acto realizouse no Paseo de Alfonso da cidade olívica e a el acudiron, entre outros, a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón; a eurodeputada Ana Miranda; o portavoz do BNG de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, así como membros da lista electoral do partido.

O primeiro en tomar a palabra foi precisamente Igrexas, quen puxo o foco na importancia de que o BNG conte con representación en Bruxelas, para defender os intereses de Vigo e de Galicia en Europa.

Após el, Ana Miranda dirixiuse aos medios de comunicación pondo en valor o seu traballo no Parlamento Europeo. Ela será a número tres da lista de Agora Repúblicas, alianza electoral do BNG con Bildu e Esquerra Republicana de Catalunya, que estará encabezada por Diana Riba (ERC).

Segundo Miranda, ao longo dos últimos anos, o BNG defendeu en Europa os intereses de Galicia, como son o sector pesqueiro, as infraestruturas ou a vivenda, ademais da loita para dar un futuro mellor aos mozos.

A nacionalista dixo que unha das primeiras iniciativas que presentará se é elixida eurodeputada será para tratar de impedir que Altri instale a súa fábrica en Galicia. "Se non estamos, ninguén vai falar dos problemas reais deste país", subliñou na súa intervención, asegurando que votar ao BNG "é o contrario a votar pola extrema dereita".

Na mesma liña falou Ana Pontón, que dixo que "Galicia xógase moito" nas eleccións europeas do 9 de xuño, porque en Bruxelas tómanse decisións que afectan as vidas e ao futuro dos galegos, segundo asegurou.

"Levamos as cores de Galicia. Somos a única forza política para defender o que importa aos galegos", engadiu, criticando en varias ocasións ao Partido Popular, "que mira cada vez máis a Madrid", e sen facer apenas mencións aos socialistas.

"Sen o BNG, Galicia estaría ausente da axenda europea", insistiu Pontón, explicando que votar ao Bloque "vale dobre", porque pretende "defender os intereses dos galegos" e, á súa vez, conseguir un novo modelo de Europa, "máis social".

Ela destacou que a campaña do BNG será "100% de ideas", lamentando a levada a cabo polos 'populares' nas pasadas eleccións autonómicas que, ao seu xuízo, estivo chea de "mentiras, manipulación e bulos".

Contador