Feijóo ofrece a súa capacidade de xestión no escenario postcovid e alerta contra un "multipartito variable"

Pide non deixar para os despachos o que se pode "resolver nas urnas"

O presidente da Xunta e candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, nun mitin en Vigo, horas antes do inicio da campaña electoral para os comicios do 12 de xullo de 2020.
PP DE GALICIA
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 25 junio 2020 20:38

VIGO, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, alertou sobre o risco de deixar o goberno de Galicia en mans dun "multipartito variable", nun escenario de crise socioeconómica após a pandemia de coronavirus, e puxo en valor a capacidade de xestión, experiencia e preparación do seu equipo.

Así o trasladou nun mitin en formato reducido, ante algo máis dun centenar de persoas, celebrado nunha das salas do Auditorio Mar de Vigo, e no que puxo en valor a xestión que a Xunta e os profesionais sanitarios fixeron da emerxencia pola COVID-19.

Feijóo proclamou que a resposta do goberno galego á pandemia foi "acertada", guiada "polo corazón e a cabeza", e advertiu de que "o que vén por diante non vai ser fácil". A ese respecto, apuntou que as consecuencias da pandemia "sufriranse máis" cando se acabe a vixencia dos ERTES ou cando as empresas teñan que devolver os préstamos solicitados.

Ante ese escenario, o candidato do PPdeG prometeu "esforzo" e "programa" para, ademais de "seguir mellorando a Sanidade", "non dar ningún emprego por perdido". Feijóo apelou á experiencia, capacidade de xestión e preparación do seu equipo para afrontar o escenario postcovid e, após afirmar que "Galicia saberá responder á situación económica e social que nos deixa a pandemia", proclamou: "Nos próximos 4 anos prometo xestión, xestión e xestión, e a miña única prioridade será Galicia, Galicia e Galicia".

"Non hai tempo para discusións, nin para ver como se reparten a Xunta entre partidos dun multipartito variable", advertiu, e contrapuxo a "estabilidade, unidade e certezas" que ofrece o PP á "inestabilidade", os "experimentos" e "incertezas" que ofrecen o resto de partidos.

ALERTA SOBRE OS "PACTOS" E "CARAMBOLAS"

Por iso, pediulles aos cidadáns que voten o próximo 12 de xullo, sen deixarse influír polos que pretenden "activar o medo", porque os colexios electorais foron "inspeccionados" e pódese votar "con seguridade". "Non deixedes (o próximo goberno galego) á sorte, aos pactos e carambolas, non deixedes para os despachos dos partidos o que se pode resolver nas urnas", reclamou Feijóo.

Finalmente, o líder do PPdeG fixo balance dalgúns dos proxectos e iniciativas postos en marcha ao longo dos seus 11 anos de goberno autonómico, e subliñou que quere seguir sendo "un presidente de todos os galegos". "Non me presento para derrotar a ninguén, senón que para Galicia salga gañando", sentenciou Feijóo, quen asegurou que non perderá tempo "confrontando" con outros partidos, porque "quen ten programa e proxecto, non ten tempo para faltar ao respecto aos demais".

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado