O gasto da Xunta en cultura caeu un 44% entre 2010 e 2014: 22,6 euros/habitante

Actualizado 28/11/2016 20:13:59 CET

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 28 Nov. (EUROPA PRESS) -

   O gasto da Xunta en cultura caeu un 44 por cento entre 2010 e 2014 e supón unha inversión de 22,6 euros por habitante neste último ano de referencia, isto é, o 0,12 por cento do Produto Interior Bruto (PIB).

   Son datos do Anuario de Estatísticas Culturais 2016 sobre financiamento e gasto público en cultura, difundido este luns polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e que recolle Europa Press.

   Segundo este documento, o gasto liquidado en cultura pola Administración galega situouse nos 62,2 millóns de euros en 2014, fronte aos 111,1 millóns de 2010.

   Sobre o total das comunidades autónomas, que en 2014 superaron os mil millóns de euros (1.046.924.000), a Galicia correspóndese o 5,9 por cento do gasto liquidado en cultura.

   En canto ao gasto por habitante, a Comunidade galega está superada por País Vasco (55,8 euros), Navarra (49,6), Extremadura (35,5), Cataluña (33,1), Cantabria e Murcia (27,1) e La Rioja (25,8). Ademais, rexistrou o mesmo gasto por habitante que Castilla e León (22,6 euros).

BENS E SERVIZOS CULTURAIS

   Se se analiza o gasto por destino, do total de 2014, 26,3 millóns foron para bens e servizos culturais, é dicir, o 42,3 por cento; mentres que o 57,7 por cento (35,93 millóns) foron para a área interdicisplinar (promoción, difusión e cooperación; difusión cultural no exterior; política lingüística) ou non distribuídos por subsectores.

   Pola súa parte, as artes plásticas e escénicas e o libro e audiovisual rexistraron cero euros, respectivamente, segundo a mesma estatística recollida por Europa Press.

   Se se toma en conta a natureza económica do gasto, o 60,2 por cento, é dicir, 37,5 millóns de euros, usáronse en 2014 para gasto corrente, fronte ao 35,6 por cento que se destinou en 2010. Dende este ano, a porcentaxe neste ámbito foise incrementado.

ADMINISTRACIÓN LOCAL

   Por outro lado, o gasto liquidado en cultura pola administración local --concellos e deputacións-- en Galicia foi de 145.813 euros, dos cales 6.607 foron para arqueoloxía e protección do patrimonio histórico; 13.852 para bibliotecas e arquivos; 12.966 para museos e artes plásticas; 8.452 para artes escénicas; 22.804 para festas populares e festexos; 48.816 en promoción cultural e 32.318 para administración xeral de cultura.

   Dese total, 116.971 euros correspóndese cos concellos, contía da que, a maior parte, se destina a promoción cultural, cunha suma de 35.927 euros. Dos 28.121 que gastaron as deputacións, 12.745 euros foi para 12.745 euros.