Noriega baralla deixar a primeira liña de Anova

Martiño Noriega, alcalde del Ayuntamiento de Teo
Foto: EUROPA PRESS/CONCELLO
Actualizado: miércoles, 18 diciembre 2013 18:57

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Dic. (EUROPA PRESS) -

   O alcalde de Teo (A Coruña), Martiño Noriega, abriu un período de reflexión sobre o seu futuro na primeira liña de Anova debido aos obstáculos que ten, segundo o seu ámbito, para levar a cabo o labor como coordinador nacional de Anova.

   Así, e aínda que se manterá como militante e membro do órgano de coordinación desta nova formación nacida tras unha escisión do BNG, a balanza inclínase cara a deixar as súas responsabilidades, segundo confirmaron a Europa Press fontes do seu ámbito.

   Martiño Noriega accedeu á coordinación de Anova tras un proceso asambleario convulso no que, malia que se chegou a barallar un relevo á fronte da organización, Xosé Manuel Beiras quedou blindado na portavocía nacional.

   Non obstante, seis meses despois dende que se converteu no número dous da organización, Noriega decidiu analizar a súa situación, cun tempo de reflexión que lle levará ata este venres a manter diversos encontros con sectores da militancia durante a semana.

   Fontes próximas ao rexedor aseguraron a Europa Press que neste medio ano se mantiveron diversas "dificultades" que Noriega ten para desenvolver o seu labor no seo da organización, como "non ter acceso" ao censo da militancia ou ás contas, de maneira que o seu traballo é "torpedeado" por algúns sectores.

   Ademais, outras razóns que empurran á saída de Noriega da primeira liña de Anova entroncan coas discrepancias dalgunhas das decisións políticas adoptadas nos últimos tempos. Entre elas, a xestión da problemática a raíz da marcha de David Fernández Calviño e a substitución no seu escano, e os regulamentos internos referidos ao comité de garantías da militancia e á expulsión de militantes, aprobados por poucos votos de diferenza.

O OUTRO REFERENTE DE ANOVA

   Da primeira asemblea de Anova saíu unha coordinadora na que obtivo unha maioría exigua (nun proceso de listas abertas corrixidas por xénero) o sector da organización identificado co Encontro Irmandiño, a formación que naceu no seo do BNG tamén liderada por Beiras, e que controla boa parte das decisións da organización.

   Non obstante, e tras a asemblea na que se deu continuidade ao liderado de Beiras, o veterano político defendeu compartir o "referente" organizativo con Martiño Noriega, quen previamente --hai máis dun ano-- decidira manterse na Alcaldía teense e non ir na candidatura das autonómicas.

   Entón, en xuño deste ano, e nunha entrevista con Europa Press, Beiras asegurou que Martiño Noriega debía seguir o seu papel "como referente do proxecto de Anova" e afirmou que era desexable "unha dinámica que conducise ao relevo", a cal comparou cunha carreira de atletismo, na que hai un período de transición.