Os sindicatos agrarios avisan de que a crise dos cogombros afectará a Galicia pola baixada de consumo

Pepinos
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 31 mayo 2011 21:01

A produción galega deste vexetal "non é relevante" e comezará dentro de 15 días, para cando esperan que a confianza se recupere

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 31 May. (EUROPA PRESS) -

Os sindicatos Unións Agrarias (UU.AA.), Xóvenes Agricultores (XX.AA.) e Sindicato Labrego Galego (SLG) avisaron este martes de que a crise dos cogombros afectará a Galicia porque provocará unha previsible caída do consumo (deste e outros produtos hortofrutícolas) e, por conseguinte, dos prezos.

Así, o secretario xeral de XX.AA., Francisco Bello, indicou en declaracións a Europa Press que a repercusión económica para o sector en España "é moi forte". "O dano xa está feito", lamentou e indicou que será necesario "avaliar as perdas e, sobre todo, as minguas de consumo", un punto no que no que considera que Galicia tamén sufrirá as consecuencias e que se estenderá a outros cultivos.

As tres organizacións coincidiron tamén ao indicar que a produción de cogombro en Galicia non é grande e que, ademais, a tempada deste vexetal comeza un pouco máis tarde no norte que no sur, polo que non se iniciará na comunidade ata dentro duns 15 días.

O responsable de Horta do SLG, Miguel Méndez, mostrouse "seguro" de que esta crise repercutirá nos produtores galegos. "A xente colle medo e retrae o consumo", dixo e indicou que isto arrastrará tamén á baixa os prezos. Tamén apuntou que se os vexetais procedentes do sur da península non se poden colocar en mercados estranxeiros se tratarán de vender no interno e manifestou o seu temor a que se produza unha situación de 'dúmping' --venda dos produtos por debaixo do prezo--.

O impacto na economía galega e, en especial, na andaluza, producirase, a xuízo dos sindicatos, malia que novas análises realizadas nos cogombros procedentes de España, aos que as autoridades alemás responsabilizaron do brote mortal de 'escherichia coli' que deixou xa quince mortos no país, demostraron que dous deles non portaban a cepa da bacteria que provocou as mortes.

O responsable de UU.AA., Roberto García, reprochou que Alemaña "acusara sen probas a un país e aínda sector", dado que "a simple alarma da noticia xera danos, non só no produto concreto, senón en xeral na produción". "Todo parece indicar que vai haber unha caída do consumo; estase a notar pero aínda non somos capaces de avaliar o que caeu", dixo.

MERCADO NACIONAL

García incidiu en que, ao non poder colocar os seus produtos nos mercados europeos, os produtores "envorcan" a mercadoría no nacional, "con efectos en mercados que aparentemente non se vían afectados, como é o galego".

Francisco Bello, pola súa banda, insistiu en que a produción galega de cogombro "non é relevante" e en que, ao comezar a tempada dentro de 15 días, espera que a "confianza" de consumidores se recuperara para entón.

Non obstante, ante esta situación, o secretario de XX.AA. reclamou ás autoridades europeas unha "reparación do dano" e pediu que estuden "quen é responsable e qué indemnizacións se dan".