Pacto galego pola infancia co obxectivo de desenvolver unha lei autonómica

Actualizado: lunes, 8 abril 2019 15:30

Busca ser un "primeiro paso" con 50 medidas para un acordo de Estado en materias como loita contra a "alarmante" pobreza infantil

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 8 Abr. (EUROPA PRESS) -

Unicef e todos os grupos con representación parlamentaria en Galicia (PPdeG, PSdeG, En Marea e BNG) selaron este luns un renovado pacto pola infancia (o anterior produciuse en 2011) co obxectivo de desenvolver unha lei autonómica en favor dos nenos e adolescentes.

Este acordo inclúe medio centenar de medidas en materias como loita contra a pobreza, educación, saúde e participación infantil, que ten como marco de referencia a Convención sobre os Dereitos do Neno.

Entre as medidas para aplicar, a presidenta de Unicef Comité Galicia, Myriam Garabito, destaca como "primordial" impulsar unha lei que reflicta "os cambios e evolución na lexislación estatal adaptándose ao contexto galego". "En Valencia xa se conseguiu, a ver se Galicia é a seguinte comunidade en conseguilo", empraza.

Nun acto no Parlamento galego, o presidente da Cámara, Miguel Santalices, dixo que espera que este "ambicioso" acordo sirva como un "primeiro gran paso" para alcanzar un pacto de Estado, á vez que agarda que por mor da alianza saian "moitas propostas lexislativas".

De tal forma, Santalices agradeceu ás catro grupos que selasen este pacto que reedita o levado a cabo en 2011. Así, apuntou que "a moita xente lle gustaría repetir esta foto" nun "asunto tan importante".

CIFRAS "ALARMANTES" DE POBREZA INFANTIL

A responsable de Unicef en Galicia afirmou que as medidas en favor dos nenos fanse con base nunha "análise real". Búscase conseguir mecanismos "a longo prazo" que blinden as políticas públicas, á vez que as institucións "escoiten a voz da infancia" .

Durante a súa intervención, Myriam Garabito lembrou os datos da situación da infancia en Galicia -dados a coñecer a finais de 2018--, nos que se atopan as cifras "alarmantes" de que un de cada catro nenos galegos vive en risco de pobreza ou de exclusión social.

Pide esforzos para abordar as causas da pobreza crónica, cun "maior investimento e apoio ás familias", a través do incremento de prestacións por fillo a cargo, "comezando polas máis vulnerables" .

Neste pacto, os grupos comprométense a incrementar os fondos da Axuda Oficial ao Desenvolvemento ( AOD) ata alcanzar o 0,2% do PIB en 2020.

MEDIDAS ANTE DIFERENTES PROBLEMÁTICAS

Entre outras problemáticas, incídese en que Galicia está á cabeza en obesidade infantil, polo que Unicef reclama "dar unha volta" ao plan existente para combatelo, chamado Xermola, e ver "en que se está fallando".

Outros temas para cambiar son os "índices elevados" en abandono escolar, fomentar a escolarización de cero a tres anos, así como a necesidade de tomar medidas " proactivas" no sistema de Atención Primaria. Garabito explica que "está bastante verde" a atención en materias como a saúde mental.

A presidenta de Unicef Comité Galicia considera que a participación infantil é un "exercicio crave" no desenvolvemento de futuras xeracións, polo que avoga pola "xeración de espazos" e que se teña en conta aos menores na toma de decisións. Por tal motivo, chama á posta en marcha do Consello Galego de Infancia e Adolescencia.

Ademais, emprázase á creación dun Observatorio Galego da Familia e da Infancia, así como á implementación da ' Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia ( EGIA) 2016-2020 e a súa dotación con recursos.

Aposta por "fortalecer" as políticas de prevención da violencia na infancia, con atención a nenos de diferentes etnias e contextos migratorios, así como a menores con diversidade funcional. Garabito tamén pide difundir o protocolo existente contra os malos tratos infantís no ámbito familiar.

Para todo iso, haberá unha comisión de seguimento co fin de avaliar o cumprimento das medidas impulsadas. "Os nosos nenos e nenas necesitan compromisos reais e continuos", deixa claro Garabito.

VISIÓN DOS GRUPOS

Por parte dos grupos, a primeira en tomar a palabra foi Ana Pontón (BNG), quen emprazou a que se doten recursos económicos para que exista un compromiso "real e efectivo" en cuestións como a loita contra a pobreza infantil e a escolarización de cero a tres anos. Ademais, pediu que os mozos poidan votar a partir dos 16 anos e que se mellore a súa liberdade de expresión.

Nesta liña, Paula Vázquez Verao (En Marea) mostrou o compromiso do seu grupo para que este acordo "non quede só no papel". Tamén defendeu que a idade para votar se rebaixe a 16 anos, que se fomente a participación dos menores e que se loite contra a obesidade infantil.

Xoaquín Fernández Leiceaga (PSdeG) puxo en valor que o Parlamento sexa capaz de chegar a acordos en "cuestións transversais" como esta. Remarca, o paso "en favor de políticas públicas" de cuestións como combater a violencia contra menores e a pobreza infantil, mentres remarca a importancia de que vaia a haber un seguimento periódico.

Finalmente, a deputada popular Marta Rodríguez Arias resaltou que cre "necesario" este novo pacto para "adaptarse á realidade" deste "momento" e "contribuír a mellorar a vida" dos menores. "Os nenos ben merecen que todos os grupos nos poñamos dacordo", sentenciou.