Sanidade substitúe aos xerentes das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, acompañado da até agora xerente da área de Santiago, Eloína Núñez
Xunta de Galicia
Publicado: sábado, 11 mayo 2024 11:43

   Releva a Eloína Núñez e Félix Rubial, á vez que cambia a Ángel Facio de Ferrol a Santiago

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 11 May. (EUROPA PRESS) -

   A Consellería de Sanidade nomeou a novos xerentes das áreas sanitarias de Santiago, Ourense e Ferrol. A substitución de Eloína Nuñez á fronte da área compostelá será cuberta polo até agora responsable da área ferrolá, Ángel Facio, o que provoca que Fernanda López Crecente porase á fronte de Ferrol. Ademais, Félix Rubial é substituído en Ourense por José Santiago Camba Bouzas.

   Deste xeito, Ángel Facio Villanueva (Compostela, 1965), quen era o xerente da área de Ferrol desde 2012, será o novo responsable da área de Santiago e Barbanza. É doutor e licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago (USC). Tamén é máster en Alta Dirección Sanitaria pola Universidade da Coruña, ademais de ser especialista en Medicina Familiar e Comunitario.

   Así, Sanidade releva no cargo a Eloína Núñez Masid, curmá do expresidente da Xunta Alberto Núñez Feijóo, que levaba no posto de xerente da área de Santiago desde 2017. Previamente, esta licenciada en Medicina e Cirurxía fora xerente da área de Ourense.

   Hai uns días, o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, xa deslizaba que habería cambios nalgunhas xerencias das áreas sanitarias do Servizo Galego de Saúde (Sergas), no cal se implantarán "ideas diferentes" con respecto á etapa do seu antecesor, Julio García Comesaña. O resto de xerentes das outras catro áreas sanitarias mantéñense no cargo, segundo o comunicado pola Xunta este sábado.

OURENSE

   Así mesmo, Sanidade nomeou a José Santiago Camba Bouzas (1960) como novo xerente da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras. Substitúe a Félix Rubial, que levaba no cargo desde 2019.

    Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, Camba Bouzas está especializado en Cirurxía Ortopédica e Traumatología. Conta con praza como médico de Urxencias e tamén do Servizo de Traumatología e Cirurxía Ortopédica. Actualmente, exercía como coordinador cirúrxico e traumatólogo no Hospital do Barco.

    Camba foi director xeral de Xuventude da Xunta entre 1990 e 1995, así como vicepresidente da Deputación de Ourense entre 1995 e 2001, cargo que compatibilizou con ser vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Entre 2000 e 2001 foi director provincial do Sergas en Ourense. Tamén foi secretario xeral de Emigración da Xunta (2009 e 2012). Ocupou cargos de responsabilidade en embaixadas de España en Brasil, Venezuela, Arxentina, Colombia e República Dominicana.

FERROL

   Pola súa banda, a marcha de Facio de Ferrol a Santiago provoca que María Fernanda López Crecente sexa nomeada nova xerente da área ferrolá. Natural de Lugo, até a data era directora de Procesos de Soporte na área sanitaria de Santiago. Previamente, desempeñou as mesmas funcións na área de Ferrol.

    Foi subdirectora xeral de Xestión Socio-sanitaria e Saúde Mental do Sergas entre 2009 e 2012. López Crecente é facultativa especialista-médico coordinador 061 con categoría de xefe de sala desde o ano 1995. Ademais de traballar como médico coordinador-xefe de sala en diferentes períodos, foi directora de Coordinación Asistencial na Fundación Pública 061 Urxencias Sanitarias de Galicia.

Contador