A veda da centola na provincia de Lugo arrinca este sábado

Centollas
XUNTA
Publicado: viernes, 1 julio 2022 10:25

   A prohibición de extracción deste crustáceo na costa lucense prolongarase até o 27 de novembro, día incluído

   LUGO, 1 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A veda da centola na zona comprendida entre cabo Estaca de Bares e o río Eo, incluída a ría do Barqueiro, empeza este sábado, día 2 de xullo, e prolongarase até o próximo 27 de novembro, día incluído.

   Así o establece a resolución pola que se aproba o plan de xestión da centolla e do boi para a campaña 2022-2023, que neste caso establece vedas diferenciadas para as dúas especies.

   Este ano está prohibido extraer centola na provincia de Lugo desde as 00,00 horas do sábado 2 de xullo até as 00,00 horas do domingo 27 de novembro.

   Nas provincias da Coruña e Pontevedra a veda da centola empezou xa o pasado 25 de xuño e prolongarase até o próximo 6 de novembro, día incluído. Mentres, no caso do boi, a veda prolongarase en todo o litoral de Galicia desde as 00,00 horas do sábado 3 de setembro até as 00,00 horas do domingo 6 de novembro.

   Estes períodos de veda significan que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións por medio de calquera arte en augas de Galicia. De feito, as embarcacións dedicadas á captura de centolla e de boi con nasas deberán retiralas dos seus caladoiros e levalas a porto.

   A Consellería do Mar destacou que a veda é unha das medidas que contribúen a aumentar a biomasa e a regular a pesqueira de centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida das especies e así protexer a súa reprodución e favorecer unha explotación máis sustentable de ambos os recursos.