A vivenda e as listas de espera centrarán esta semana o pleno do Parlamento galego, no que comparecerá Caamaño

O conselleiro de Sanidade comparecerá a petición propia para debullar a reforma da Atención Primaria

Archivo - Reunión da Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia
PARLAMENTO DE GALICIA - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: domingo, 18 octubre 2026 13:57

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Oct. (EUROPA PRESS) -

   A orde do día do pleno do Parlamento de Galicia desta semana estará protagonizado polos debates sobre a crise do acceso á vivenda, o estado da sanidade pública e a situación das listas de espera en Galicia, así como polo impacto xudicial no sector eólico tras a sentenza do parque de Bustelo.

   Todo iso nun curso político marcado polo arranque da precampaña electoral nas próximas semanas para as eleccións xerais o 29 de novembro e polas mobilizacións en defensa do dereito a unha vivenda digna tras o desafiuzamento de Maricarmen, de 87 anos, en Madrid.

   De tal forma, o portavoz do PPdeG, Alberto Pazos Couñago, anunciou tras a reunión da xunta de portavoces a presentación dunha PNL para esixir ao Goberno central "lealdade" e que responda sobre a cesión gratuíta e definitiva de todas as vivendas e chans da Sareb na comunidade. Segundo datos citados polo grupo popular, hai inmobilizados en Galicia un total de 1.756 vivendas e 2.654 chans.

   Por provincias, Pazos precisou que este patrimonio residencial abarca máis de 1.000 vivendas na Coruña, ao redor de 400 propiedades en Pontevedra, preto de 200 en Lugo e case unha vintena en Ourense.

   Así mesmo, o PPdeG defenderá unha segunda PNL para esixir "transparencia real" ao Ministerio de Vivenda sobre a localización exacta, número total de inmobles e inventario de chan dos anuncios estatais en Galicia, así como a publicación dunha data real de entrega de chaves.

   Neste mesmo bloque, o grupo parlamentario formulará unha pregunta oral sobre os últimos reais decretos do Executivo estatal, que Couñago tachou de "refrito de ideas", "intervencionistas" e xeradores de "inseguridade xurídica".

   Na área industrial e enerxética, o PPdeG rexistrará unha pregunta oral de carácter urxente motivada pola resolución do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o parque eólico de Bustelo.

   Pazos remarcou que o fallo aplica a doutrina do Tribunal Supremo e avala "punto por punto o rigor técnico, ambiental e xurídico" co que a Xunta tramitou o proxecto. Doutra banda, preguntarán sobre a situación da Biblioteca Pública de Vigo, denunciando o "abandono" por parte do Goberno central dunha reivindicación comprometida desde hai case dúas décadas.

   Por outra banda, a sesión plenaria incluirá a comparecencia a petición propia do conselleiro de Sanidade co fin de informar de forma detallada sobre o novo Plan de Reforma da Atención Primaria e Comunitaria 2026-2030.

TEMAS BNG

   Pola súa banda, a viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, avanzou que a súa formación preguntará ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, sobre que medidas ten previstas "ante o encarecemento do custo de vida e o aumento das desigualdades". Neste sentido, subliñou que o factor determinante da desigualdade xa non é unicamente dispor ou non dun traballo, senón a imposibilidade de acceder a unha vivenda digna.

   Para atallar a problemática residencial, o BNG defenderá unha moción destinada a blindar a función social da vivenda pública, esixindo que as promocións autonómicas queden desvinculadas de dinámicas especulativas de mercado.

   Así mesmo, os nacionalistas impulsarán unha PNL para esixir que a Xunta constrúa unha residencia pública de estudantes en cada un do sete campus galegos. A formación argumenta que, mentres o sistema universitario público conta con máis de 60.000 alumnos, a comunidade só dispón de 2.000 prazas públicas en residencias.

   No ámbito da sanidade, a formación defenderá unha moción após a recente conmemoración do Día Internacional da Saúde Mental para urxir un reforzo das unidades do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

   Por último, o BNG rexistrará unha interpelación á conselleira de Política Social, Fabiola García, denunciando un "desmantelamento progresivo" da rede pública de coidados para "favorecer o negocio de fondos e entidades privadas".

TEMAS PSDEG

   Neste contexto, a viceportavoz do PSdeG, Lara Méndez, avanzou que o PSdeG levará unha PNL sobre vivenda ao pleno e reclamarán gastar o orzamento dispoñible no programa de Acceso á Vivenda, que a Xunta "exerza as súas competencias para declarar mercados tensionados en vivenda" ou a creación do Banco Público de Aluguer.

   Así mesmo, sinalou que levarán unha proposta para que a Xunta publique os datos do Censo de Vivendas Baleiras. "Veremos se o PP e o Goberno galego están dispostos a axudar á cidadanía ou seguen da man dos propietarios e dos fondos voitre", cuestionou Méndez.

   Tamén porán en foco na sanidade, farano a través dunha Interpelación para que o conselleiro de Sanidade responda as listas de espera en Galicia. Neste sentido, a viceportavoz socialista mostrouse "profundamente preocupada" polos últimos datos oficiais coñecidos. De feito, deatallou que hai 425.942 pacientes en lista de espera recoñecida, "50.000 máis que no último cómputo".

   Doutra banda, os socialistas levarán unha PNL para reclamar á Xunta que colabore coas entidades de loita contra a dorga para despregar unha campaña "eficaz e efectiva" contra o consumo de droga entre os máis novos e que reforce os plans de acción.

   "Galicia é unha das primeiras comunidades do Estado en comercio e consumo", reflexionou Méndez, á vez que anunciou que presentarán tamén unha pregunta oral sobre a "situación de deterioración" da atención sanitaria, concretamente en Valdeorras, para que responda o conselleiro de Sanidade.

    Finalmente, levarán unha pregunta oral sobre a responsabilidade da Xunta ante as "deficiencias" do transporte público entre A Coruña e Lugo, e outra pregunta oral para que o Goberno galego faga unha valoración da fusión dos concellos de Cerdedo e Cotobade.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado