A Xunta activa a alerta laranxa por temporal costeiro na Coruña e Pontevedra

Ondada na Coruña
AYUNTAMIENTO DE A CORUÑA
Actualizado: miércoles, 20 noviembre 2019 10:42

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 20 Nov. (EUROPA PRESS) -

   A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta activou a alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra.

   Segundo informa a Xunta nun comunicado, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) indica que o fenómeno meteorolóxico adverso costeiro de nivel laranxa afecta a todo o litoral das provincias da Coruña e Pontevedra con ondas de catro a seis metros, por mar combinada do oeste-noroeste.

   Por iso, co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; así como a deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e clubes náuticos, entre outros.

   Ademais, debido ao temporal costeiro recoméndase permanecer lonxe da liña de costa e das praias e paseos marítimos co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos.

   Por iso, a Vicepresidencia da Xunta aconsella evitar aproximarse a diques, rompientes, espigóns, peiraos e todas aquelas zonas que poidan ser barriadas polo mar e vixiar posibles caídas de obxectos de balcóns e xanelas.

   Tamén a Xunta aconsella a suspensión das actividades pesqueiras e marisqueiras como medida preventiva naquelas zonas máis perigosas, así como extremar as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e revisar os cabos e amarres das embarcacións.