Actualizado 25/09/2006 16:47

PSA Peugeot Citroën continúa a súa actividade en Vigo tras dous días de paro grazas ao subministro de provedores galegos

Galicia Actual

VIGO, 25 Sep. (EUROPA PRESS) -

A factoría viguesa de PSA Peuget Citroën continuou ás 6.00 horas de hoxe a súa actividade despois de dous días de paro forzado pola falta de subministracións tras o incendio nunha fábrica de plásticos o pasado xoves en Allariz, Incalplás, que abastecía compoñentes dous dos seus principais provedores, Peguform e Faurecia Ourense.

Segundo confirmou a Europa Press o responsable de comunicación da fábrica, Pedro Hortas, tres das catro liñas que estaban paradas comezaron hoxe de novo a producir. Trátase das que fabrican os modelos C-4 Picasso, Peugeot Partner e Berlingo, mentres que a produción do Xsara Picasso segue parada por falta de subministracións.

Aínda que ao principio se barallou a posibilidade de acudir á factoría da sinatura en Brasil para conseguir as pezas que faltaban, esta opción descartouse debido a "complicacións loxísticas e de alfándegas". Finalmente, recorreuse ao 'stock' e a varios provedores galegos, que traballan normalmente para PSA Peugeot Citroën, e que durante toda a fin de semana estiveron a fabricar as pezas necesarias para continuar a actividade.

RECUPERACIÓN DE ÚTILES

Así, as tres liñas de produción indicadas volveron ao traballo, mentres que a factoría e os seus subministradores continúan, segundo explicou Hortas, traballando na "recuperación de útiles", é dicir, na reconstrución dos moldes que permitían a elaboración das pezas e que foron danados (algúns destruídos completamente) no incendio do xoves en Incalplás.

Ademais, a dirección da fábrica decidirá nas próximas horas se se pode continuar o traballo como ata agora e cando se empezaría a producir de novo o Xsara Picasso, ou se haberá que parar de novo a actividade na quenda desta noite.

A maior factoría de Galicia (cuns 9.000 empregados na actualidade) traballa, por motivos de loxística e falta de espazo, co sistema 'just in time', e reduce ao mínimo posible os seus 'stocks', de modo que un incidente como o acontecido a pasada semana nalgún dos seus provedores, aínda que sexa de "segundo nivel", pode supoñer a paralización de actividade por falta de subministracións. Neste caso, o paro de dous días supuxo que deixaron de fabricarse máis de mil vehículos.