(Ampl.) Solbes calcula entre 700 e 1.000 millóns o custo de aplicar a devolución de 400 euros aos autónomos

Actualizado: jueves, 7 febrero 2008 22:32

Expresa o seu respecto ás decisións do BCE sobre os tipos de interese porque ten "a vantaxe" de que "facilita a liquidez"

A CORUÑA, 7 Feb. (EUROPA PRESS) -

O ministro de Economía e Facenda, Pedro Solbes, calculou hoxe que o custo de estender á devolución fiscal de 400 euros aos autónomos será de entre 700 e 1.000 millóns de euros, que se engadirán aos 5.000 millóns de custará aplicar esta medida aos traballadores asalariados e aos pensionistas.

En declaracións aos medios antes de pronunciar unha conferencia na Coruña, Pedro Solbes indicou que o seu departamento está a "rematar os números" para cuantificar exactamente cánto custará a extensión da devolución fiscal, dadas as "características especiais" dos traballadores autónomos, polo que "non se podía aplicar o sistema" de forma automática".

"No caso de que sexa autónomo dependente xa tivo unha vantaxe da dedución da renda do traballo ese ano e o que non é autónomo dependente ten un tratamento especial en ingresos e gastos a consecuencia da aplicación do réxime de módulos, que supón unha serie de deducións. Hai que estudar todos eses problemas para ver exactamente o que se pode dar en comparación cos demais", explicou.

Pola súa banda, o ministro de Traballo, Jesús Caldera, expuxo hoxe que a adaptación técnica na medida para incluír aos autónomos podería pasar por aplicar esta devolución fiscal na cota líquida a pagar. O presidente do Executivo, José Luis Rodríguez Zapatero, avanzou onte o compromiso de que o tratamento fiscal para os autónomos, neste caso, sexa "exacto nos obxectivos", para o que se garante a mesma contía de 400 euros que para os declarantes de IRPF, e "similar" nas características técnicas.

TIPOS DE INTERESE.

Por outra banda, Solbes mostrouse "respectuoso" coas decisións do Banco Central Europeo (BCE) respecto aos tipos de interese porque cre que o seu modelo "facilita a liquidez", de forma que "non se acentúan algúns desequilibrios que poden formularse". Malia que recoñeceu que "hai un grande debate no mundo" fronte aos entes que decidiron a baixada de tipos, estimou que "se"pode traballar ben" coa liñas do BCE.

Ao respecto, agregou que o Banco Central Europeo ten "os mellores expertos" e avalou que analizan a política monetaria e adoptan decisións "tendo en conta non só o que está a suceder en expectativas a medio prazo, senón a situación económica nacional e internacional".

DESACELERACIÓN.

O ministro de Economía tamén insistiu en que é "evidente" que existe unha "desaceleración" económica, pero puntualizou que "non é ningunha novidade" porque "está implícito nas cifras de teito raso publicadas en maio do ano pasado para este ano". Ao respecto, engadiu que esa desaceleración inicialmente estaba "moi vinculada ao mercado da vivenda", mentres que agora "se reforzou polas turbulencias internacionais con problemas de liquidez".

"Isto afecta a todo o mundo e por iso tamén a nós, pero non quere dicir que vaia haber un gran cambio, senón que a desaceleración foi algo máis aprisa e algo máis profunda", afirmou. Ao seu xuízo, España está "igual" de preparada e poderá seguir traballando e crecendo claramente por enriba da media europea" e contrapuxo isto coas posturas de "pesimismo".