SANTIAGO DE COMPOSTELA 23 Feb. (EUROPA PRESS) -
O Departamento de Educación e Mocidade do Concello de Santiago de Compostela, en colaboración con Kalandraka Editora, convocou a sexta edición da Campaña de Animación á Lectura que este ano se titula 'Un dous tres, qué les?'.
As actividades, que estarán coordinadas por Kalandraka Editora, desenvolveranse na Galería Sargadelos da capital galega dende o 3 de abril ao 6 de maio. A arte e o proceso creativo serán os eixos sobre os que xirarán as actividades programadas, dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e Primaria, os profesionais do ensino e as familias.
Os obxectivos de 'Un dous tres, qué les?' pasan, segundo explicou a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, por achegar os nenos á lectura a través dos contos; inculcarlles a sensibilidade estética que transmiten os textos e as ilustracións; o interese por valores como a solidariedade, a ecoloxía ou a tolerancia; e a conciencia crítica necesaria para seren lectores selectivos e con opinión de seu.
Pola súa banda, o director de Kalandraka, Xosé Ballesteros, destacou "a importancia das actividades de animación que vén promovendo o Concello de Santiago dende hai seis anos, ante a actual situación de crise da lectura de libros en galego".
4.500 ESCOLARES
O programa diario para os rapaces inclúe sesións de contacontos e visitas guiadas ás exposicións, xunto con obradoiros de ilustración e de banda deseñada impartidos por Marc Taeger e Kiko Dasilva, respectivamente. A estas actividades acudirán máis de 4.500 escolares ao longo da campaña.
Destaca a participación directa de recoñecidos ilustradores, que expoñerán obras orixinais: Ramón Trigo (Premio Cidade de Alacante de Álbume Infantil 2005), Federico Fernández (Premio Nacional de Ilustración 2001 por "Onde perdeu Lúa o riso?" editado por Kalandraka) e Marc Taeger (Premio Daniel Gil de Deseño Editorial 2005 por "A verdadeira historia de Carapuchiña", editado por Kalandraka).
Os libros de Kalandraka que protagonizarán as exposicións son os titulados "As luces que se acenden e se apagan", de Ramón Trigo; "Chivos Chivóns", de Federico Fernández, pertencente á coleción Makakiños para nen@s con necesidades educativas especiais; e "Aquiles O Puntiño", de Marc Taeger.
Haberá un acto de presentación para o profesorado que se celebrará o 3 de abril ás 18.00 horas na Galería Sargadelos. Os pais e nais tamén poderán asistir a charlas nas que se darán claves para practicar a animación á lectura no contorno familiar. Estas charlas impartiranse o 6 de maio ás 12.00 horas na Galería Sargadelos e, por primeira vez, nun centro educativo: a Escola Infantil Municipal de Conxo, o 19 de abril ás 18.15 horas.