SANTIAGO DE COMPOSTELA 28 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Xunta trasladou o seu apoio ao mantemento da actividade industrial nos antigos terreos de Factorías Vulcano, que agora ocupa Astilleros San Enrique, pero lembrou que o consello de administración do Porto de Vigo deberá pronunciarse sobre o futuro da concesión.
En resposta a unha pregunta durante o pleno que tivo lugar este mércores na Cámara galega, o vicepresidente segundo da Xunta, Francisco Conde, advertiu da necesidade de cumprir a legalidade despois de que o Tribunal de Conflitos de Xurisdición sinalase que corresponde á Administración a declaración da extinción da concesión.
Neste sentido, incidiu na importancia de buscar a mellor alternativa para levar a cabo un proxecto industrial nos terreos de Teis que inclúa as garantías xurídicas necesarias e xere investimento, carga de traballo e emprego. Así, sinalou que se se cumprisen os distintos requisitos, a Xunta defendería a continuidade da actividade industrial.
En todo caso, Conde remarcou que o consello de administración do Porto de Vigo deberá pronunciarse respecto da concesión e remarcou que, ademais da Xunta, están representadas no mesmo outras institucións e entidades. Así mesmo, insistiu en que "foi o propio estaleiro (Vulcano) o que instou a liquidación".
Mentres, a deputada do BNG María do Carme González reprobou a "présa" da Autoridade Portuaria para extinguir a concesión. Tamén puxo o foco en que representantes de distintas institucións nas que gobernan o PP e o PSOE suman maioría no consello de administración, polo que chamou a Conde a "non enganar á cidadanía dicindo que non é unha decisión política".
Deste xeito, incidiu na necesidade de que, na sesión deste venres, o consello de administración avale que non se extinga a concesión para que permaneza en vigor até 2027 dado que Estaleiros San Enrique "ten futuro" e "carga de traballo".
INCENDIO NO POLÍGONO DO CEAO
Noutra orde de cousas, o vicepresidente económico destacou o traballo levado a cabo pola Xunta xunto ao tecido empresarial de Lugo para permitir a recuperación da actividade no polígono do Ceao despois do incendio rexistrado a mediados deste mes.
Nesta liña, asegurou que a Xunta poderá prestar asesoramento ás empresas en materia de seguros e para garantir circulante e préstamos até a execución das pólizas dos seguros. Tamén afirmou que poderá colaborar en materia de apoio e planificación para reconstruír as naves.
Pola súa banda, o deputado socialista Luís Álvarez incidiu na necesidade de que a Xunta colabore cos empresarios afectados e expuxo que asuma os intereses dos préstamos para afrontar as consecuencias do incidente e reconstruír o polígono.