O BNG vese "reforzado" de cara ás autonómicas tras aumentar o seu apoio malia o "bombardeo bipartidista"

Actualizado: lunes, 10 marzo 2008 20:59

Jorquera cre que só Galeuscat evita o "duopolio" de PSOE e PP e salienta que os resultados proban a "plurinacionalidade" do Estado

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 10 Mar. (EUROPA PRESS) -

O coordenador executivo do BNG, Francisco Jorquera, considerou hoxe que a formación frentista se viu "reforzada" polos resultados obtidos nas xerais, tras aumentar o seu apoio e manter os seus dous deputados nun contexto de "bombardeo bipartidista brutal trazado dende Madrid" por PSOE e PP.

En rolda de prensa tras a reunión da Executiva Nacional que analizou a xornada electoral de onte, o próximo voceiro do Bloque no Congreso interpretou que, a pesar do "duopolio", en Galicia existe un espazo nacionalista "consolidado" que lles permite afrontar a seguinte cita coa urnas, prevista para 2009, nunha posición "claramente reforzada".

Así, puxo en valor o aumento porcentual --do 0,7 por cento no conxunto do Estado-- e en votos --uns 400 a falta dos sufraxios da emigración--, e cualificouno como un "gran éxito". Neste senso, argumentou que lograron os tres obxectivos que se formularan; que Galicia teña "un papel decisivo" durante a próxima lexislatura, que non se producisen maiorías absolutas, e que se certificase un avance nacionalista na comunidade e un retroceso do PP.

Ademais, fixo fincapé neste "éxito" ante o contexto no que se desenvolveu a campaña, coa utilización das dúas forzas estatais maioritarias de "instrumentos dubidosamente democráticos" para presentar os comicios coma se fosen presidenciais. Puxo como exemplo desta estratexia os debates televisivos entre José Luis Rodríguez Zapatero e Mariano Rajoy.

MAPA POLÍTICO PROPIO.

Aínda que admitiu que este intento "triunfou en Murcia, La Rioja ou Castilla-La Mancha, asegurou que en Galicia non foi así "porque é unha nación e ten o seu mapa político propio". Nesta liña, afondou en que socialistas e populares trataron de trasladar o modelo de eleccións presidenciais norteamericanas "de xeito mimético".

Deste modo, recalcou que "grazas" ás forzas nacionalistas agrupadas en Galeuscat --BNG, CiU e PNV-- abriuse un escenario no que vai predominar "a cultura do diálogo entre diferentes". De feito, aseveró que os resultados constatan a "plurinacionalidade" do Estado porque "se expresa politicamente como tal".

Así mesmo, reiterou a "vontade de colaboración" da formación frentista para completar maiorías parlamentarias, aínda que puntualizou que é ao PSOE ao que lle corresponde levar a iniciativa neste asunto e marcar os pasos a seguir. Tamén valorou a "habilidade negociadora do BNG", ao seu xuízo, demostrada durante a pasada lexislatura.