SANTIAGO DE COMPOSTELA 15 Dic. (EUROPA PRESS) -
Investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) alertan de que existe unha brecha entre as dotacións tecnolóxicas de que se dispón na educación galega, que se consideran positivas, e o uso que os docentes fan destas.
Os resultados do grupo de investigación 'Stellae' mostran que as novas tecnoloxías se están a implantar no ámbito educativo para seguir facendo o mesmo que se viña realizando ata agora, de maneira que non están a introducir grandes cambios.
Este equipo, coordinado pola catedrática Lourdes Montero Mesa, apunta que só algúns profesores, aínda que moi poucos, están a cambiar o seu modelo tradicional, é dicir, optan por substituír a simple transmisión de coñecemento por unha maior construción do coñecemento, o que implica ser posibilitador, facilitador, mediador, ter unha maior interacción presencial e virtual co seu alumnos.
"Cara a aquí é a onde pensamos que se debe ir, isto é o que creemos que significa ensinar e aprender na Sociedade do Coñecemento", apuntou a catedrática Lourdes Montero, quen precisou que para levar a cabo este proceso os profesores necesitan "formación, unha nova alfabetización -dixital- e tamén necesitan apoio, tanto por parte das institucións educativas coma da administración".
Estes investigadores sinalaron que "o propio cambio nos estudantes é moi importante, xa que son tamén distintos aos doutros tempos", ademais de ser "cada vez máis e máis diversos, tanto na súa procedencia coma en canto ás súas capacidades".
Nesta liña, indicaron que é preciso examinar o que está a suceder e como se lle fai fronte ás transformacións que se están a producir no mundo educativo. Por iso, o equipo da USC traballa na análise desta situación para poder achegar propostas que sexan beneficiosas para docentes, alumnos e para o proceso educativo en xeral.