SANTIAGO DE COMPOSTELA, 4 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (Cobga) destacou hoxe a "necesidade" de "revalorizar" os residuos agrarios como fonte de enerxía a xestión da cal "permitirá a creación de postos de traballo estables", tanto na recuperación e transporte dos materiais coma na actividade das plantas de transformación.
Nun comunicado, o COBGA defendeu que Galicia "dispón da capacidade de xestionar os seus recursos naturais" para que a produción enerxética se realice "dende a comunidade autónoma".
Precisamente, recordou que tradicionalmente Galicia foi consumidora de fontes propias de enerxía --leña, auga-- que "fóronse substituíndo por outras non renovables e limitadas" --carbón, petróleo-- a raíz do desenvolvemento industrial do Século XX e "cuxa orixe se atopa fóra das fronteiras galegas".
Por iso, explicou que a comunidade autónoma "presenta un gran potencial" no ámbito do aproveitamento dos residuos da biomasa forestal, que "ademais da súa utilización para xerar biogás e enerxía eléctrica" permitirá "reducir considerablemente o risco de incendios".
Así, afirmou que "en boa parte do territorio" existe a posibilidade de aplicar "aproveitamento da enerxía solar" coa consecuente "redución do consumo" de gasóleo, gas ou electricidade para a produción de auga quente, calefacción ou refrixeración.
En canto a enerxía eólica, o Cobga sinalou que "Galicia se converteu en referente nacional" tanto en produción coma no desenvolvemento da tecnoloxía necesaria para "optimizar" dita produción.
MODIFICAR HÁBITOS
No marco da celebración do Día Mundial da Eficiencia Enerxética --5 de marzo--, o colexio apostou por un plan de autosuficiencia e aforro enerxético que propoña "medidas de sensibilización" de familias e empresas respecto a esta materia.
Entre as recomendacións, mencionou a substitución de sistemas de iluminación tradicionais por lámpadas de baixo consumo --aforro do 80 por cento de gasto--; ou apagar completamente os equipos eléctricos --o consumo do 'stand by' pode alcanzar o 10 por cento--.
Finalmente, destacou outras medidas de eficiencia enerxéticas como a utilización de sistemas illantes para "reducir a perda de calor" en vivendas e naves; ou a implantación de "alternativas" como a enerxía solar térmica e fotovoltaica.