O Centro Técnico de Conservación da Pesca ingresou máis de tres millóns en actuacións de I+D+i durante 2007

Cecopesca prevé ampliar o seu campo de actuación a outros alimentos, ademais de produtos da pesca

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 28 abril 2008 20:25

VIGO, 28 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Centro Técnico Nacional de Conservación de Produtos da Pesca, Cecopesca, ingresou durante 2007 máis de 3 millóns de euros procedentes de actividade de I+D+i, un 36,75 por cento máis que no ano anterior, e incrementou o seu persoal ata os 52 traballadores.

Segundo explicou hoxe o director xeral da Asociación Nacional de Fabricantes de Conservas de Peixes e Mariscos (Anfaco), Juan Manuel Vieites, os ingresos totais deste centro foron de 3,3 millóns, dos cales, case dous millóns son procedentes da iniciativa privada (cotas de empresas e contratos de prestación de servizos), mentres que o resto procede de financiamento público.

Os 309 clientes de Cecopesca proceden, na súa maioría, de sectores como as conservas de peixes e mariscos, conxelados e refrixerados, maquinaria, aceites e fariñas de peixe, laboratorios, e outros clientes, procedentes de ata 14 sectores produtivos.

Con respecto á produción de investigación, os 52 profesionais que traballan neste centro (case todos doutores e titulados superiores) publicaron unha trintena de artigos científicos en revistas internacionais e de divulgación, así como comunicacións en congresos e seminarios, que se suman ás teses doutorais, e patentes en elaboración.

ACREDITACIÓNS E EXPECTATIVAS.

Por outra banda, segundo explicou hoxe Vieites, 82 procedementos levados a cabo nos laboratorios de Cecopesca recibiron a acreditación da Empresa Nacional de Acreditacións, conforme á normativa UNE-EN ISO/IEC 17025, o que, sumado ás case cen determinacións, converten a este centro no primeiro de España no que respecta ao número de procedementos acreditados en materia de pesca e acuicultura.

Ademais, analizáronse durante 2007 case 12.000 mostras, e detectouse unha satisfacción do 93,8 por cento nas empresas e clientes do centro tecnolóxico, cos que hai subscritos 423 contratos.

Con respecto ás expectativas dos próximos anos, tendo en conta que os obxectivos de 2007 foron, segundo Vieites, "amplamente superados" Cepcopesca formúlase chegar en 2013 a 4,8 millóns de euros en recursos materiais e a 73 traballadores, no que respecta a recursos humanos.

ACCIÓNS FUTURAS.

Así mesmo, co obxectivo de consolidarse como centro de referencia, este laboratorio propúxose actuacións encamiñadas ao desenvolvemento de novas liñas de investigación no campo da seguridade alimentaria, mellora de servizos tecnolóxicos, potenciación da actividade comercial, e accións para o desenvolvemento sostible e mellora ambiental.

O director xeral de I+D+i, Salustiano Mato, destacou hoxe, na presentación destes resultados, que Anfaco-Cecopesca "está a facer os seus deberes" e subliñou que, segundo os datos que manexa a Consellería de Innovación e Industria, "ten os mellores ratios de resultados de toda a rede de centros tecnolóxicos que hai en Galicia". "Son os máis eficientes, os que máis fan con menos,", engadiu.

Contenido patrocinado