Coremain financiará ideas innovadoras dos universitarios galegos para convertelas en proxectos reais

Actualizado: lunes, 15 octubre 2007 19:57

Deben ser actuacións para protexer as persoas dependentes, o medio ou a seguridade informática

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 15 Oct. (EUROPA PRESS) -

A empresa galega 'Coremain', provedora de servizos profesionais TIC, transformará empresarialmente ideas innovadoras que lles presente universitarios galegos sempre e cando vaian encamiñadas a protexer ás persoas dependentes (anciáns, nenos, enfermos crónicos ou mulleres maltratadas), o medio ou material informático. De igual xeito, tamén entran dentro dos proxectos a ser financiados aqueles vinculados coa xestión de procesos para os que actualmente non existen solucións no mercado.

Para iso, idearon o Premio Xurdir, a primeira convocatoria da cal que pretende ter continuidade no futuro foi presentada hoxe en Santiago de Compostela polos directores xeral e de Desenvolvemento de Coremain, Manuel Balseiro e Ignacio Balboa, quen explicou que o que pretenden é abrir un proceso de selección de ideas innovadoras, de base tecnolóxica, por parte dos estudantes de último curso das tres universidades galegas de carreiras técnicas (Matemáticas, Físicas, Informática, Telecomunicacións ou Enxeñaría industrial).

Precisamente, Balboa precisou que só na Universidade de Santiago (USC) poden participar neste concurso uns 970 alumnos e se introducir no mercado laboral apadrinados por Coremain.

A selección de ideas desembocará na creación dunha empresa constituída ao 50 por cento entre Coremain e o autor da idea gañadora. A finalidade, segundo precisou Balboa, é dar "visibilidade" ao "potencial innovador" dos novos universitarios galegos, ao tempo que " procurarlles unha oportunidade de internarse no mercado laboral".

Así mesmo, puntualizou que o concurso pretende servir para favorecer ideas innovadoras "comprometidas socialmente" polo que as ideas deberán achegar solucións de base tecnolóxica en catro ámbitos: no campo de aplicación da Lei de Dependencia (sistemas de protección de persoas dependentes, nenos, anciáns, enfermos crónicas ou mulleres maltratadas); ámbito de protección ambiental (sistemas de detección de emisións contaminantes); seguridade informática e na xestión de procesos para os que actualmente non existen solucións no mercado.

O premio consistirá na creación dunha empresa, constituída a partes iguais por Coremain e polo gañador para o desenvolvemento e posterior comercialización do produto ou servizo do que se trate.

"NON ESCATIMARÁN" RECURSOS.

Coremain asumirá o financiamento do proxecto empresarial, establecendo un prazo máximo de 18 meses para o seu desenvolvemento, período no que porá a disposición os seus recursos humanos, os seus equipos e as súas instalacións na súa sede corporativa no Parque Empresarial Costa Vella de Santiago.

"Nós somos os primeiros interesados en que sexa unha idea empresarial polo que non escatimaremos recursos para que se desenvolva axeitadamente", comprometeuse o director de Desenvolvemento de Coremain.