Dous premios Nobel de Química e un de Física visitarán Santiago entre maio e xuño co programa 'ConCiencia'

Un cuarto experto visitará a cidade no segundo semestre e mañá coñecerase o galardoado co Fonseca de divulgación científica

Europa Press Galicia
Actualizado: lunes, 25 mayo 2009 16:07

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 May. (EUROPA PRESS) -

Os premio Nobel de Química Jean-Marie Lehn (galardoado en 1987) e Roger Kornberg (2006) e o de Física James Cronin (1980) visitarán nos meses de maio e xuño Santiago de Compostela para pronunciar senllas conferencias dentro do programa de divulgación científica 'ConCiencia', organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Ademais, no segundo semestre do ano acudirá á capital galega un cuarto Nobel, con "maior impacto mediático" e pertencente a un ámbito distinto da química e a física, que completará o programa deste ano, no que alcanza a súa cuarta edición, segundo explicou o seu director, o profesor da USC Jorge Mira.

Por outra banda, mañá darase a coñecer o gañador do Premio Fonseca de divulgación científica 2009, unhas distincións que se inauguraron o ano pasado con Stephen Hawking.

A primeira das citas será o próximo xoves, 28 de maio, no Hostal dos Reis Católicos, onde o profesor da universidade francesa Louis Pasteur Jean-Marie Lehn falará acerca das bases químicas da vida, nunha conferencia titulada 'Da materia á vida: Química?, Química!'.

Este experto, que recibiu o Nobel xunto aos profesores Pedersen e Cram en 1987, foi distinguido polo seu traballo acerca das interaccións entre moléculas e o desenvolvemento dalgunhas delas "á carta" para que actúen "de forma específica", co que se iniciou a rama da química supramolecular.

Así o explicou o director do programa, quen indicou que os tres químicos deseñaron receptores moleculares sintéticos --denominados criptandos-- que son capaces de recoñecer e interactuar de forma selectiva con determinadas substancias (hóspedes).

CRONIN E KORNBERG

O 1 de xuño será a quenda de James Watson Cronin, profesor dos Institutos Kavli para a Física Cosmolóxica e Enrico Fermi de la Universidad de Chicago, quen fará, no Centro Galego de Arte Contemporáneo, un repaso por 'Algunhas viñetas na historia da investigación en raios cósmicos'.

Cronin investigou sobre os raios cósmicos, que son unha forma de "ver o que hai no universo" distinto da luz visible normal, apuntou Mira. O profesor aproveitará a visita para traballar co grupo de raios cósmicos da USC.

Por último, Roger Kornberg pronunciará unha conferencia o 15 de xuño no Teatro Principal. O investigador --distinguido en 2006 e fillo do Nobel de Medicina Arthur Kornberg, xunto a Severo Ochoa-- estudou as bases moleculares da transcrición eucariótica, que está relacionado coa información almacenada no ADN e o proceso de transformación da secuencia xenética nunha proteína.

ACONTECEMENTO "DE EXCEPCIÓN"

O coordinador do programa 'ConCiencia' destacou que con esta iniciativa, na que "permea a idea de calidade", logrouse atraer a Santiago a 15 premios Nobel nos últimos catro anos.

Pola súa banda, o reitor da USC, Senén Barro, considerou que é "algo de excepción" que cada ano acudan á capital galega catro premios desta categoría e asegurou que unicamente a USC desenvolve unha iniciativa así en todo o Estado. Ademais, resaltou a importancia dos contactos cos novos investigadores e de que os expertos se presenten ao público co obxectivo de "ser alcanzables".

O reitor indicou que estas visitas non provocaron, de momento, que a administración pública achegase máis fondos á investigación, aínda que subliñou que o fin "non é buscar mecenas nin financiamento para a I+D", senón buscar un maior compromiso na cidadanía coas ciencias, pois "se quere o que se coñece".

O alcalde da cidade e presidente do Consorcio de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, afirmou que o programa é "motivo de orgullo" para Compostela e sinalou como obxectivos "poñer en valor" as posibilidades da universidade e a "axuda" que supoñen as visitas destes Nobel para "difundir a imaxe de Santiago".

Contenido patrocinado