Un encontro entre empresas galegas e do Norte de Portugal reunirá o martes 28 entidades na Tecnópole

Actualizado: domingo, 25 abril 2010 15:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

O I Encontro Bilateral entre empresas de Galicia e o Norte de Portugal, que organiza a Consellería de Economía e Industria, reunirá 51 representantes de 28 empresas da Eurorregión o próximo martes, 27 de abril, no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole).

Así, por parte galega asistirán nove empresas situadas en Tecnópole, tres centros tecnolóxicos, a entidade BIC-Galicia e a unidade de negocio de Banco Santander de Galicia.

Dende Portugal virá a Associaçao Emrpresarial de Amarante e 13 empresas, procedentes do Parque de Ciência e Tecnologia de Maia (Tecmaia) e do Parque de Ciência e Tecnologia de Guimaraes (Avepark).

Este encontro foi deseñado como unha xornada de traballo na que as exposicións se combinarán con mesas sectoriais e reunións empresariais organizadas en función dos intereses de cada participante.

O director de I+D+i da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, encargarase de inaugurar a xornada presentando a política de innovación da Xunta. Tras a presentación, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) impartirá un relatorio sobre as oportunidades de financiamento de proxectos empresariais conxuntos.

Deste xeito, celebraranse tres mesas de traballo paralelas centradas nas enerxías renovables, a biotecnoloxía, e as tecnoloxías da información e as comunicacións.