Expertos da USC avanzan na eliminación de xofre de gasolinas e gasóleos para reducir a contaminación

Actualizado: lunes, 12 abril 2010 19:42

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Abr. (EUROPA PRESS) -

Un equipo de investigadores do Departamento de Enxeñaría Química da Universidade de Santiago (USC) está a dar "avances importantes" na redución da presenza de xofre nos hidrocarburos mediante o emprego dos denominados 'líquidos iónicos' e de cara a reducir a contaminación ambiental.

Segundo explicou o catedrático Alberto Arce, unha directiva da Unión Europea obriga a reducir o contido de xofre nos combustibles, en particular en gasolinas e gasóleos, de maneira que en 2010 se pase de 50 a 10 partes por millón.

Con esta medida, indicou Arce, "reducirase moito a contaminación, en concreto a chuvia ácida" da que son responsables os compostos de xofre.

Na actualidade, a industria do petróleo emprega nas refinarías a hidrodesulfuración para reducir a presenza de xofre nos hidrocarburos, pero é un procedemento "moi caro", algo que podería solucionar o emprego dos líquidos iónicos.

"Antes eran moi caros, pero co incremento da súa produción, debido ao interese crecente que están a xerar nos ámbitos académico e industrial, o seu custo redúcese de xeito progresivo e cada vez será máis viable o seu emprego", indicou o experto.

LÍQUIDOS IÓNICOS

Tal e como explicou Alberto Arce, os líquidos iónicos caracterízanse precisamente por ser líquidos nun "amplo intervalo" de temperaturas e por ter "case nula tensión de vapor" polo que "non se evaporan" e "non producen contaminación atmosférica". Estas características, asegurou o experto, fan que os líquidos iónicos sexan "moi atractivos" para a 'Química verde'.

O equipo da USC está nestes momentos buscando líquidos iónicos que sexan específicos para extraer os compostos de xofre presentes nos hidrocarburos. Os resultados obtidos ata agora achéganse aos límites impostos pola Unión Europea.