Investigadores da USC deseñan unha aplicación informática pioneira en España que fai predicións en Bolsa

Actualizado: jueves, 14 agosto 2008 13:04

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

Investigadores da Universidade de Santiago (USC) traballan no deseño dunha aplicación informática pioneira en España, denominada 'Forecasting' e desenvolvida con software libre, que detecta asociacións entre o contido das noticias financeiras e as variacións significativas da cotización de accións no IBEX35.

Segundo informou hoxe a USC, aínda que na actualidade é un prototipo, a ferramenta, realizada no Grupo de Sistemas Intelixentes da universidade compostelana, servirá para efectuar predicións a curto prazo sobre o movemento das accións en Bolsa e poderá adaptarse ao ámbito internacional, ampliando deste modo a súa utilidade.

A iniciativa representa unha "novidade total", segundo precisou a USC, no ámbito financeiro español e senta as bases tecnolóxicas e de modelado dunha aplicación capaz de competir con éxito neste ámbito.

Seguindo unha orde temática, 'Forecasting' organiza as noticias financeiras recuperadas das versións en liña dos principais xornais do ámbito e analiza o seu contido mediante técnicas de intelixencia artificial de filtrado semántico. Isto permite, segundo precisaron as mesmas fontes, recoñecer a información máis relevante que poida afectar ao valor dunha determinada acción en Bolsa.

O uso de técnicas intelixentes é necesario, segundo os investigadores, para filtrar o volume "inxente" de información dispoñible --ata 300 noticias por horas-- e para facer unha selección fiable. Unha vez que se identifican os datos importantes sobre unha acción, outro módulo do sistema cruza esta información en tempo real coa cotización desta no IBEX35.

O estudio, realizado como proxecto de fin de carreira pola estudante de Enxeñaría Técnica en Informática de Sistemas María Dolores Corzón Leises, leva o título 'Recuperación temática de noticias financeiras e a predición de tendencias a curto prazo en mercados de accións'.

O traballo foi dirixido polos investigadores Félix Díaz Hermida e Ronald Teijeira Fernández, do Grupo de Sistemas Intelixentes da USC, que xa puxo en marcha unha nova liña de investigación sobre a materia.