Investigadores da USC traballan nunha aplicación informática para planificar o uso de maquinaria agrícola

Actualizado: martes, 24 junio 2008 21:35

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 24 Jun. (EUROPA PRESS) -

Integrantes do Grupo de Investigación Operativa e Teoría de Xogos da Universidade de Santiago (USC) traballan na creación dunha aplicación informática para planificar racionalmente o uso e as rutas das cultivadoras e doutras máquinas nunha cooperativa agrícola.

O obxectivo deste grupo, dirixido polo catedrático Ignacio García Jurado, céntrase en conseguir unha solución que satisfaga as necesidades dos individuos e "diminuír os custos económicos asociados". Para iso, empregan técnicas de programación matemática e a teoría de xogos.

Segundo explicou García Jurado, a teoría de xogos permite "analizar matematicamente conflitos diversos para asesorar os implicados e axudarlles a mellorar os seus resultados". Tamén indicou que pode servir para predicir o resultado dunha situación na que interaccionan varios axentes ou mesmo "para entender mellor a evolución de conflitos xa pasados".

O equipo aplicou, ademais, a teoría de xogos noutros proxectos como unha iniciativa europea centrada nos problemas económicos que xurdiron na reestruturación do sector ferroviario en Europa.

A teoría de xogos, desenvolvida nos seus inicios como unha ferramenta para analizar o comportamento dos axentes económicos, na actualidade, segundo apuntou García Jurado, se emprega "en moitos ámbitos como a ciencia política, a Bioloxía, a Filosofía, o dereito e, por suposto, a análise económica".