Investigadores galegos do proxecto E-Hospital presentarán os resultados nunha conferencia en Austria

Actualizado: sábado, 21 junio 2008 16:27

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 Jun. (EUROPA PRESS) -

Un grupo de investigadores galegos participantes no proxecto europeo E-Hospital sobre pacientes hospitalizados de longa duración, participarán na presentación das conclusións do traballo de investigación, que terá lugar nunha conferencia que se celebrará en setembro en Austria.

En Galicia, participan en E-Hospital un grupo de investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Área E-learning do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), así como a Unidade de lesionados Medulares do Hospital Juan Canalejo de A Coruña.

A conferencia final, que terá lugar o 19 de setembro, está dirixida a profesionais da educación de adultos e do e-learning, investigadores en materia de tratamento de pacientes e ao persoal dos hospitais.

O período de inscrición para os profesionais interesados en asistir á presentación das conclusións está aberto ata o próximo 10 de setembro e a inscrición ten carácter gratuíto na páxina web www.ehospital-project.net.