O Meixoeiro de Vigo é o único hospital de España que trata tumores de bebés dende un mes sen cirurxía

Actualizado: domingo, 6 abril 2008 15:03

Siho desenvolveu un prototipo capaz de aplicar esta técnica en tratamentos pediátricos ata a adolescencia

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Hospital Meixoeiro de Vigo é o único centro de España con capacidade tecnolóxica para abordar tumores cerebrais moi pequenos e de difícil acceso coa cirurxía convencional en bebés dende un mes de vida.

Esta innovadora técnica é posible grazas ao prototipo moi complexo deseñado por Siho (Subministracións Hospitalarias), unha sociedade especializada na fabricación e distribución de material sanitario, que está dispoñible dende o pasado mes de xaneiro e que fai que Galicia sexa a única comunidade na que se pode dispoñer desta solución.

Segundo informaron a Europa Press fontes de Siho, nun primeiro paso deseñou e fabricou un sistema de radiociruxía pediátrica, a radiociruxía, unha técnica de radioterapia que permite tratar tumores cerebrais sen necesidade de cirurxía, para o cal utiliza un feixe moi fino de radiación de alta enerxía, emitido por un acelerador lineal.

O director-xerente de Siho, Manuel Hernández Herrera, explicou que "ata agora en España existían grandes limitacións para a aplicación desta técnica en nenos e Siho comezou fabricando un sistema fai catro ano que permitiu tratar a nenos de 5 anos de idade en diante".

Manuel Hernández Herrera subliñou que "o pasado mes de xaneiro se desenvolveu outro prototipo máis complexo, capaz de tratar bebés dende un mes de idade e ata a adolescencia". "Galicia é a única comunidade que pode realizar estes tratamentos en idades tan temperás, polo que está a recibir nenos doutras autonomías. Ademais, España é un dos poucos países europeos que aplican este tipo de tratamento en nenos de tan pouca idade", destacou.

DATOS DE SIHO.

Siho é unha sociedade limitada de capital español 100 por cento cunha antigüidade de catro anos. Centra a súa actividade no sector sanitario, cun ámbito nacional e internacional. Desenvolve prototipos para a realización de técnicas novidosas ou optimización doutras actividades xa existentes.

É pioneira en España na introdución no mundo sanitario de materiais como a fibra de carbono e é fabricante de composites con este material. Actualmente traballa en proxectos de importancia e aplicación directa en técnicas novidosas.

Un exemplo é o desenvolvemento de sistemas pediátricos de inmobilización en radioterapia -non existe ningún modelo comercial no mundo-, deseño e fabricación dun sistema de radiocirugía de corpo e un programa de optimización do uso da fibra de carbono no ámbito sanitario.