Un proxecto que evita a falsificación de documentos, premiado pola USC como futura empresa innovadora

Actualizado: miércoles, 21 mayo 2008 15:47

Equipos da Universidade de Vigo gañan catro dos seis galardóns do VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 21 May. (EUROPA PRESS) -

Un proxecto tecnolóxico que evita a falsificación de documentos, proposto baixo a denominación de 'Bit Oceans' por un equipo da Universidade de Vigo, resultou premiado como futura empresa innovadora pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) con entre 9.000 e 24.000 euros de financiamento con empréstito participativo.

Equipos da Universidade de Vigo gañan cos seus proxectos catro dos seis galardóns do VIII Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores promovidos pola USC no marco do programa de fomento da cultura emprendedora Uniemprende. O reitor da USC, Senén Barro, presidiu o acto de entra destes galardóns, no que participaron outros membros da institución compostelana.

O primeiro premio de 'Base Tecnolóxica' corresponde a un traballo do investigador Alberto Malvado, a través da tecnoloxía comercializada por Bit Oceans, e preséntase como a "solución ao problema da falsificación documental, evitando tanto a xeración de documentos falsos como a alteración do seu contido mediante técnicas manuais e informatizadas".

O segundo premio de 'Base Tecnolóxica', dotado con 5.000 euros, recaeu no proxecto de empresa Xenotech Laboratorios, un proxecto dun equipo da USC e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) centrado en garantir a calidade e seguridade dos produtos comercializados e consumidos no ámbito da industria alimentaria.

Así mesmo, como terceiro premio de 'Base Tecnolóxica' recoñécese, con 2.000 euros, o proxecto Paralelaxe Multimedia And Virtual System, unha proposta de investigadoras do Laboratorio de Sistemas da USC que traballarán na produción e comercialización de produtos multimedia e de realidade virtual.

OUTRAS MODALIDADES

O Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da USC inclúe tamén a modalidade de 'Empresa Xove', dotada con 2.000 euros, que nesta ocasión recoñece a proposta de IDM Maquinaria automatizada, dun equipo da Universidade de Vigo, que propón a investigación, deseño industrial e desenvolvemento de novas máquinas e metodoloxías de produción para automatizar tarefas de confección e acabado final en empresas de mármore, granito, pedra e materiais como o Slestone.

Tamén se outorgou o premio 'Muller Emprendedora', con 2.000 euros, neste caso a un proxecto denominado 'Inbiogal. Innovación Biolóxica de Galicia', da Universidade de Vigo en colaboración cun departamento da USC, que traballa na identificación de marcadores bioquímicos.

Por último, tamén se premiou con 2.000 euros, neste caso na categoría de 'Proxecto Medioambiental', que recoñece á iniciativa 'Sonen. Centro de Acústica e Servizos de Telecomunicacións', unha empresa de asesoramento e consultoría xa constituída a finais de 2007 por tres enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións da Universidade de Vigo e instalada no Parque Tecnolóxico de Galicia

CULTURA EMPRENDEDORA

O director do Programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande, foi o encargado de anunciar aos gañadores e recordou que o xurado do concurso --composto por membros universitarios e da Administración autonómica-- valorou no seu fallo cuestións como a viabilidade dos proxectos, o grao de innovación, o volume de emprego que xeran, o carácter multidisciplinar e as políticas de igualdade.

Representantes dos premiados recolleron hoxe o galardón nun acto celebrado no Salón Rectoral da USC no que o reitor Senén Barro, expresou a "importancia" deste concurso para "axudar a crear cultura emprendedora" e que os proxectos xurdidos dende as universidades se traduzan en empresas xeradoras de emprego.

Senén Barro recordou que son os emprendedores "os que máis arriscan" e instounos a "non se preocupar" polos posibles fracasos que poidan ter nas súas iniciativas, xa que se mostrou seguro de que "acabarán saíndo adiante". Ademais, animoulles a que "cando xeren empresas, emprego e diñeiro" se acorden das axudas que recibiron nos seus inicios e tamén contribúan a sacar adiante os proxectos doutros innovadores.