O segundo seminario de Acuinnova analizará desde hoxe a situación da acuicultura en Sudamérica

Actualizado: lunes, 14 septiembre 2009 10:52

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 14 Sep. (EUROPA PRESS) -

O segundo seminario da Rede de Innovación e Desenvolvemento da Acuicultura en Iberoamérica (Acuinnova) analizará, desde hoxe, o estado da situación e metodoloxías neste ámbito de traballo.

O encontro, segundo informou hoxe a Universidade de Santiago de Compostela (USC), celebrarase na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais co fin de "avaliar a situación dos diferentes países e especies cultivadas", así como os aspectos condicionantes naqueles países nos que a acuicultura aínda non se desenvolveu.

Así mesmo, este programa dedicará especial atención ao estudo pormenorizado da situación do rodaballo e ás súas perspectivas de futuro. O cultivo desta especie é o principal expoñente da piscicultura mariña en España.

A primeira das xornadas do seminario comezará hoxe a partir das 9.00 horas cunha sesión dedicada á discusión e o deseño dun cuestionario para a análise da innovación na acuicultura en Sudamérica.