Tecnopeixe dótase dunha axenda estratéxica que erixe a sostenibilidade e a eficiencia en "prioridades" de I+D+i

Actualizado: martes, 18 noviembre 2008 15:22

Blanco di que é o documento "máis axeitado" para situar a pesca galega "á cabeza" en innovación e manter a súa "preeminencia"

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 Nov. (EUROPA PRESS) -

A Plataforma Tecnolóxica Tecnopeixe presentou hoxe a súa Axenda Estratéxica de Investigación, un documento que se converterá na "folla de ruta" do sector en materia de I+D+i e que establece varias "prioridades" de investigación, como a sostenibilidad da actividade extractiva ou a eficiencia enerxética, e que pretende mellorar a competitividade da pesca galega.

Deste xeito o resumiu o conselleiro de Innovación e Industria, Fernando Blanco, que participou no acto de presentación xunto coa titular de Pesca, Carmen Gallego, e o presidente da Plataforma, José Ramón Fortes.

Así, Blanco considerou que este documento é o "máis adecuado" para "manter a preeminencia" do sector pesqueiro no tecido produtivo galego e estatal e situalo "á cabeza" en todo o relativo a I+D+i.

Para iso, reivindicou a necesidade de que a "triple hélice", en referencia a empresas, universidades e Administración, traballe de forma "coordinada", sobre todo pola actual situación económica, que cualificou como "complexa".

Segundo explicou, a Axenda achegará "importantes novidades" ao sector, que supón o 1,3 por cento do Produto Interior Bruto (PIB) galego, o 40 por cento do valor engadido bruto que xera a pesca no Estado e conta con 24.575 afiliados en alta laboral.

IMPLICADA NA APOSTA DA XUNTA

Pola súa banda, a conselleira de Pesca asegurou que a Axenda Estratéxica está "perfectamente implicada" nas principais apostas do Goberno galego, entre as que citou a investigación para garantir a seguridade no mar ou para aforrar custos enerxéticos de cara a reducir a dependencia do petróleo.

Neste sentido, apuntou que moitos proxectos desenvolvidos no marco desta Axenda Estratéxica se van financiar con diñeiro procedente da Administración autonómica e do Fondo Europeo de Pesca. Á isto sumou que o sector pesqueiro galego conta con outro "factor de oportunidade" posto que conta cun ámbito "privilexiado" de medios técnicos e humanos, tanto no ámbito público como privado, dedicados ao estudio do medio mariño.

Mentres, Fortes opinou que o documento presentado hoxe supón a materialización dunha "importante ventá de oportunidade" para o sector pesqueiro e marisquero, e explicou que será o "guión" que usen as empresas nos próximos anos para o seu posicionamento estratéxico.

PUNTOS DA AXENDA

Entre as catro prioridades figura a sostenibilidad da actividade extractiva e, ao respecto, a Axenda Estratéxica indica a necesidade de compatibilizar a xeración de coñecemento co mantemento de ecosistemas. Tamén se refire á importancia de mellorar a xestión e innovar na tecnoloxía e no deseño de artes e aparellos de pesca.

En canto á eficiencia enerxética, establece como temas prioritarios de investigación o uso das medidas de aforro, de combustibles novos e alternativos e de novas formas de propulsión e xeración de enerxía.

No ámbito tecnolóxico, a Axenda Estratéxica apunta á necesidade de perfeccionar a construción e a dotación dos buques a nivel de seguridade e condicións do posto de traballo así como de comunicacións e novas tecnoloxías.

Estas innovacións deben ir unidas a novas técnicas de trazabilidade e etiquetaxe, á automatización de procesos de manipulación e transformación de peixes e mariscos e ao perfeccionamento ou ao uso de técnicas innovadoras de conservación e envasado.

Tecnopeixe está no seu terceiro ano de existencia e conta con 146 membros entre empresas, confrarías, centros tecnolóxicos, grupos universitarios, administracións e colexios profesionais.