Unha conferencia sobre clúster e redes europeos promoverá as mellores prácticas en grupos empresariais galegos

Europa Press Galicia
Actualizado: domingo, 7 marzo 2010 15:14

SANTIAGO DE COMPOSTELA 7 Mar. (EUROPA PRESS) -

Santiago de Compostela acollerá os próximos días 11 e 12 a primeira conferencia interrexional sobre clúster, as súas políticas e as redes de innovación en Europa, que organiza a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e que ten como obxectivo impulsar a implantación das mellores prácticas de colaboración entre agrupacións empresariais de Galicia.

O departamento que dirixe Javier Guerra explicou que estas actuacións se basean no coñecemento e a innovación no Espazo Atlántico, para incrementar, así, a competitividade dos citados grupos no mercado global.

Este encontro internacional forma parte das actividades desenvolvidas polo proxecto de cooperación 'At Clústers', que coordina o Igape.

Así, a consellería asegurou que a acción constituirá a primeira charla deste tipo no continente e indicou que recibirá a presentación dos avances e resultados do proxecto nas seis rexións europeas que participan nel.

As entidades comprometidas son a Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan), A South West Regional Authority (de Irlanda), o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa), a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave (de Portugal) e a sociedade Betagne-Innovation (de Francia), ademais do Igape en representación de Galicia.

Contenido patrocinado