Unha empresa galega logra a homologación da Axencia Tributaria para desenvolver a 'oficina sen papeis'

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 22 abril 2008 15:06

VIGO 22 Abr. (EUROPA PRESS) -

Unha empresa viguesa converteuse na primeira empresa galega e a segunda en España en obter a homologación da Axencia Tributaria para o desenvolvemento da 'oficina sen papeis' a partir dun software de dixitalización e almacenamento de documentos, denominado DF-Server.

Este programa, desenvolvido pola empresa Sotronic, co apoio de Documentación e Imaxe do Noroeste, permite dixitalizar todo tipo de documentos para facilitar o seu tratamento dixital: entrada, almacenamento, saída, busca, e outros aspectos. Así, unha vez que o documento en papel pasa polo escáner, pode ser eliminado fisicamente, posto que será substituído por un arquivo dixital.

Coa homologación deste sistema, ditos documentos terán a vantaxe de que, ademais de aforrar custos de almacenamento ás empresas, teñen total validez xurídica para os efectos de inspección fiscal, segundo explicou hoxe o xerente de Sotronic, José Antonio Quiroga. Ademais, o sistema de busca de documentos por palabra permite unha a súa localización rápida.

A responsable da empresa DIN, Ronsel Lareo, explicou que esta iniciativa, pensada en principio para pequenas e medianas empresas, vén a solucionar un "burato negro" detectado nas compañías en materia de almacenaxe. Ademais, Quiroga recordou que DF-Server contribúe a aforrar consumo de papel, espazo de almacenaxe, e tempo no envío de documentación.

DF-Server comercialízase dende finais de 2006, e xa se implantou no medio centenar de empresas, algunhas delas grandes compañías de sectores como a construción naval ou a distribución alimentaria. Ademais, outras trinta empresas fixeron solicitudes de información dende que se produciu a homologación. En canto ao custo para as empresas, Quiroga explicou que o prezo da instalación oscila entre 5.000 e 49.000 euros.

Contenido patrocinado