A Universidade de Vigo ingresou en 2008 un total de 11 millóns de euros polas súas actividades de I+D+i

O pasado ano tramitáronse 14 solicitudes de patentes nacionais

Europa Press Galicia
Actualizado: jueves, 28 mayo 2009 0:12

VIGO, 27 May. (EUROPA PRESS) -

A Universidade de Vigo ingresou en 2008 un total de 11 millóns de euros correspondentes ás preto de 1.000 actividades de I+D+i desenvolvidas. Esta cifra supón un incremento do 9 por cento respecto ao exercicio anterior --cando se ingresaron algo máis de 10 millóns-- segundo os datos reflectidos na memoria da Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) da institución académica.

Así, do total de ingresos, 7,3 millóns correspondéronse a contratos con empresas, 2,2 millóns a acordos con fundacións, asociacións sen ánimo de lucro e centros tecnolóxicos privados e 1,5 millóns á Administración pública. O pasado ano 38 departamentos contrataron algún tipo de actividade, o 73 por cento do total da Universidade.

O maior número de facturación correspondeu ao departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións, con máis de 1,5 millóns de euros, seguido de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, con 1,4 millóns; Enxeñaría Telemática, con 1,3 millóns de euros; Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, con 1,05 millóns; e Organización de Empresas e Mercadotecnia, con 1,04 millóns de euros.

En canto á cantidade de actividades contratadas, destaca Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos, se ben unha alta porcentaxe -o 96 por cento- destes contratos son informes de asesoría técnica. No ranking ségueno Enxeñaría Eléctrica, Bioloxía Funcional e Ciencias da Saúde, Organización de Empresas e Mercadotecnia, Teoría do Sinal e Comunicacións e Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio.

Segundo informou hoxe a Universidade de Vigo, entre os proxectos desenvolvidos o pasado ano destaca a elaboración do Plan Estratéxico Director da Carne de Galicia, o deseño dunha batea modular para o engorde do polbo, a elaboración de informes económicos e de análise de mellora de sistemas antispam.

PATENTES

Por outra parte, ao respecto da propiedade industrial, tramitáronse 14 solicitudes de patentes nacionais, fronte ás 11 do ano anterior. En total, a institución académica viguesa solicitou xa un total de 116 nacionais, 4 europeas e 8 internacionais; así como tres marcas e 14 modelos de utilidade.

Entre os proxectos deste apartado figura un sistema para a detección, a partir do son, de vehículos que circulan pola vía; unha estación portátil de recarga de baterías de vehículos eléctricos con sistema de localización automática, un procedemento para a identificación da centolla europea do atlántico e outro para a verificación da integridade dos documentos.

Ademais, o ano pasado asináronse dous contratos de licenza, polos que dous spin-off -empresas de base tecnolóxica- da Universidade de Vigo ceden a unha empresa os resultados da súa investigación, co obxectivo de comercializalos.

Finalmente, no ano 2008 constituíronse un total de catro novas spin-off da Universidade de Vigo, a través das axudas do programa Empresa-Concepto, impulsado polas tres institucións académicas galegas e a delegación do CSIC na comunidade.

Contenido patrocinado