A Xunta apoia o deseño dun barco rápido de transporte de colectores para operar en portos de pouco calado

Actualizado: viernes, 18 mayo 2007 15:52

O centro loxístico para captar e distribuír pescado fresco dende o Aeroporto de Vigo comezará a funcionar en xullo

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 18 May. (EUROPA PRESS) -

Unha empresa con base en Ferrol deseña un barco rápido de transporte de colectores -que pode alcanzar unha velocidade de 30 nós, o dobre do habitual- que ten capacidade para operar en portos de pouco calado e dificultade de acceso, xa que disporá do seu propio sistema de carga e descarga.

O prototipo, que podería estar en construción no ano 2010, conta co apoio da Xunta a través de XesGalicia, e ten como obxectivo "potenciar o marítimo fronte a outro tipo de transportes", segundo avanzou hoxe o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio.

Engadiu que a construción se realizará "en estaleiros galegos" e que esta sociedade de capital risco achegará 110.000 euros, que "será ampliable". Tamén precisou que o barco tería unha capacidade de entre 1.600 e 2.000 toneladas para transportar colectores con portos europeos e africanos.

Pola súa banda, o director de XesGalicia, Alvaro Alvarez-Blázquez, precisou que a empresa que desenvolverá esta iniciativa será Innovación Loxística Cargo-Express, que terá a súa base na cidade de Ferrol.

Este foi un dos acordos que alcanzou hoxe o Consello de Administración de XesGalicia, que tamén aprobou a creación dun centro loxístico no Aeroporto de Peinador (Vigo) para captar peixe fresco e logo distribuilo e que estará operativo o próximo mes de xullo.

Neste proxecto, impulsado polo Porto de Vigo, están implicados XesGalicia, Caixanova e a propia Autoridade Portuaria que achegan 60.000 euros cada organismo, ademais dunha vintena de empresarios do sector, que a apoian con 30.000 euros cada un.

CAPTAR PEIXE DENDE PORTUGAL

Fernández Antonio lembrou que Vigo "xa é líder" na distribución de peixe fresco, pero se está a "detectar competencia" con outros lugares como Vitoria e Zaragoza, aínda que precisou que nun primeiro momento se tratará de "captar pescado" que agora se está a distribuír dende a cidades portuguesas de Faro e de Lisboa. Por iso, a primeira ruta que se potenciará será a de Azores-Vigo.

O terceiro acordo aprobado por XesGalicia é a constitución do 'Fondo Semente', cunha dotación inicial de 2 millóns de euros por parte do Executivo autonómico, para "apoiar dende o principio" ideas de emprendedores e garantir que se convertan en "proxectos de éxito".

O conselleiro subliñou que se trata "de ofrecer un valor engadido" aos fondos de capital risco tras detectar que moitas boas ideas non logran materializarse. "Queremos achegar apoio financeiro, pero tamén a nosa experiencia para axudar a que estas primeiras ideas cheguen á práctica e a ter éxito", resumiu.