SANTIAGO DE COMPOSTELA, 6 Oct. (EUROPA PRESS) -
O que fora secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) postulouse como candidato para liderar o PSOE compostelán no proceso interno que culminará cunha asemblea local o próximo 21 de outubro.
Bouza deu un paso adiante tras coñecerse que a xestora que dirixe actualmente a formación na capital galega decidiu convocar o proceso para a elección da nova dirección local do partido na cidade.
Consultado por Europa Press, Aitor Bouza confirmou a súa decisión pero descartou avanzar os nomes das persoas que poderían acompañalo na súa lista porque quere, nos próximos días, tentar configurar un proxecto que reúna "o maior consenso" dentro da agrupación.
Actualmente, o partido en Compostela está dirixido por esta xestora á que deu luz verde a dirección federal do partido o pasado mes de xuño, tras a renuncia do até entón secretario xeral, o que fora alcalde e actual senador, Xosé Sánchez Bugallo, despois de perder o bastón de mando. Precisamente, deste órgano, presidido por Diego Fernández, formaba parte Aitor Bouza.
O calendario para as primaria locais contempla que o prazo para a presentación de propostas da nova executiva local estará aberto até o vindeiro mércores, día 11, ás 14,00 horas.