As farmacias seguirán cobrando da Xunta nun prazo de entre 15 e 20 días tras facturar

Feijóo, Rocío Mosquera y los representantes colegios farmacéuticos
EUROPA PRESS
Actualizado: martes, 17 diciembre 2013 21:24

A presidenta do colexio de A Coruña destaca o marco de "estabilidade" en Galicia, "a diferenza" de noutras comunidades


SANTIAGO DE COMPOSTELA, 30 Sep. (EUROPA PRESS) -

As farmacias galegas recibirán o pagamento de medicamentos por parte do Servizo Galego de Saúde nun prazo de entre 15 e 20 días tras a facturación dos fármacos dispensados cando conclúe o mes, compromiso que adquiriu a Xunta cos catro colexios profesionais de Galicia en virtude de senllos concertos.

Pola súa banda, as oficinas de farmacia continuarán a súa colaboración en varios programas, como o cribado de pacientes para detectar de forma precoz o cancro colorreital, mantemento da aplicación da receita electrónica, xunto con seguir invertendo no aplicativo da receita electrónica, manter descontos en cueiros absorbentes e introducir un desconto do 20 por cento nas tiras reactivas para diabéticos.

Non obstante, a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, non concretou cando se comezará con esta medida, aínda que se traballa para estender a proba piloto en 2014, así como tampouco definiu prazos para a detección da SIDA.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, foi o encargado de detallar as características deste convenio, que ten de vixencia dous anos e que suporá unha achega económica da Xunta de 1.500 millóns neste período, 750 cada exercicio do total de 1.000 millóns que se gasta no total das prestacións farmacéuticas.

"Estamos, polo tanto, destinando e dándolle prioridade a unha das partes máis importantes do presuposto de Galicia de 8.000 millóns, mil millóns, dos cales 750 millóns a través da receita farmacéutica e das oficinas de farmacia", expresou Alberto Núñez Feijóo.

Sen abandonar este ámbito, Feijóo recordou que o impulso do catálogo de medicamentos, que segundo dixo, continúa dando resultados, xa que no primeiro semestre deste ano se reduciu un 15 por cento o gasto farmacéutico e un 12 por cento o número de receitas. "E temos que seguir porque queremos blindar o futuro da sanidade pública", abundou.

Ademais, tamén destacou a colaboración dos profesionais, implicados "cada día máis nunha sanidade pública", e dos pacientes, que "multiplicaron por catro o seu consumo de medicamentos xenéricos", ao pasar de menos dun 10 por cento a un 38 por cento.

NOVAS CONSTRUCIÓNS

O mandatario autonómico remarcou que estas actuacións son posibles en virtude da "solvencia" das contas galegas, o cal tamén posibilita, dixo, construír ou ampliar cinco novos hospitais, licitar 15 centros de saúde ou "cambiar ou modernizar" os aparatos tecnolóxicos dos complexos hospitalarios do Sergas.

"Isto significa, ademais, que Galicia está a navegar en tormenta económica cun rumbo axeitado da recuperación e do mantemento dos servizos públicos esenciais", proclamou na súa intervención, na que subliñou que o acordo deste luns dá "estabilidade e seguridade" ás case 1.500 oficinas de farmacia, á distribución e aos empregados directos e indirectos que supoñen todas as prestacións farmacéuticas en Galicia.

"Un pacto que dá certeza, seguridade e garantía na prestación farmacéutica. Unha aposta pola cooperación que garante a estabilidade do sector pero que tamén contribúe á sostenibilidad do servizo social máis importante que presta a Xunta: o servizo social da sanidade para todos", abundou.

Por parte dos colexios farmacéuticos falou a presidenta do de A Coruña, Rosa Lendoiro, quen tamén se felicitou por este convenio que establece un "marco de estabilidade", situación que é "diferenza á doutras comunidades" e sendo conscientes das dificultades económicas existentes na actualidade.