SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1 Oct. (EUROPA PRESS) -
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, asegurou este mércores que o Comité de Expertos na materia decidiu no mes de setembro e "sen presións externas" conceder o tratamento ao neno ourensano con problemas de crecemento e desvinculou a chamada do Sergas da carta que a nai do menor enviou aos Reis de España.
Horas despois de que a nai do neno, que necesita un tratamento con hormona de crecemento, recibise este martes unha carta de resposta dos Reis interesándose polo seu caso, o domicilio tamén recibiu unha chamada do Sergas que o citaba para iniciar o tratamento, que hai un ano lle foi denegado.
Non obstante, a conselleira desvinculou estes dous feitos que "coincidiron no tempo" pero que non estiveron relacionados, segundo a súa versión.
Mosquera recordou que a hormona de crecemento "non está libre de efectos secundarios", polo que, dende 1991, en Galicia existe unha Comisión de Expertos que "avalía un a un" e de forma "anónima" os casos remitidos polos pediatras solicitando tratamento para evitar o seu uso "indiscriminado e indebido".
AVALIADO HAI UN ANO
"Este neno foi avaliado hai un ano, pero non reunía os criterios e denegóuselle o tratamento", apuntou a conselleira. Non obstante, informou, antes do verán o seu pediatra volveu remitir o caso para unha reavaliación, que resultou positiva na reunión que o grupo mantivo no mes de setembro, polo que "foi aprobado" o tratamento.
"O comité de expertos actúa sempre por criterios clínicos, nunca por criterios economicistas nin por presións externas, por suposto", garantiu a conselleira.