A débeda de Galicia sitúase en 12.333 millóns no segundo trimestre, segunda maior cifra na serie histórica

O endebedamento respecto ao PIB baixa ao 16,7%

Archivo - Arquivo - Fachada do edificio do Banco de España situada na confluencia do Paseo do Prado e a madrileña rúa de Alcalá.
Eduardo Parra - Europa Press - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 29 septiembre 2023 13:53

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 29 Sep. (EUROPA PRESS) -

   Galicia pechou o segundo trimestre con 12.333 millóns de euros de débeda, segundo datos que publica o Banco de España este venres. Esta cifra supón a segunda maior na serie histórica, xa que rexistra unha baixada respecto á marca de 12.608 millóns que se computou no primeiro trimestre de 2023.

   Ademais, estes 12.333 millóns son 509 millóns máis de débeda (+4,3%) que no mesmo período de 2022.

   No entanto, a débeda respecto ao PIB baixa ao 16,7%, sete décimas menos que o anterior trimestre (17,4%) e oito décimas menos que un ano antes (17,5%).

   Nun comunicado, a Xunta destaca que a débeda do 16,7% respecto ao PIB sitúase en niveis de 2012 (no terceiro trimestre de 2022 quedou no 16,6%).

COMPARATIVA POR COMUNIDADES

   Por comunidades, Galicia ocupa o sétimo posto con maior débeda en volume, mentres que é a sexta con menor débeda en comparativa co PIB. A Consellería de Facenda Galicia destaca que é a cuarta menor no cociente do PIB nas autonomías de réxime común.

   A débeda por habitante é na comunidade galega en 4.565 euros fronte aos 6.795 euros da media autonómica. "Hai que lembrar que o Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde ao ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas a comunidade", afirma Facenda.

   Cataluña (86.800 millóns de euros), Comunidade Valenciana (57.246 millóns), Andalucía (38.018 millóns) e Madrid (37.658 millóns) seguen concentrando no segundo trimestre dous terzos de toda a débeda en mans dos gobernos autonómicos, aínda que tamén obedece a unha cuestión de poboación.

   A continuación, figuran as comunidades de Castela-A Mancha (15.839 millóns), Castela e León (13.506 millóns), Galicia (12.333 millóns), Murcia (12.072 millóns) e País Vasco (10.916 millóns).

   Pechan a táboa Aragón (9.092 millóns), Illas Baleares (8.981 millóns), Canarias (7.049 millóns), Estremadura (5.161 millóns), Asturias (4.376 millóns), Cantabria (3.363 millóns), Navarra (3.175 millóns) e A Rioxa (1.760 millóns).

   En porcentaxe do PIB, a Comunidade Valenciana, cun endebedamento que supón o 43,5%, segue encabezando ás rexións máis endebedadas en relación á súa riqueza, seguida de Cataluña, co 32,4% e Castela-A Mancha (32,1%) e Rexión de Murcia (32,1%).

   Séguelles Baleares (25,3%), Estremadura (22%), Cantabria (20,8%), Aragón (20,5%), Andalucía (20,2%), Castela e León (19,9%), A Rioxa (17,5%), Galicia (16,7%), Asturias (16%), Canarias (14,1%), Comunidade de Madrid (13,7%), Navarra (13,3%) e País Vasco (13%).

   Igualmente, a Xunta apunta que Galicia mantén un diferencial de 6,5 puntos fronte á débeda/PIB da media de comunidades, que é do 23,2%.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado