GUARDIA CIVIL/POLICÍA NACIONAL
SANTIAGO DE COMPOSTELA 10 Abr. (EUROPA PRESS) -
A Garda Civil e a Policía Nacional desarticularon nunha operación conxunta un grupo criminal itinerante, especializado en roubos con violencia e furto de dispositivos móbiles en grandes eventos e celebracións populares por toda Galicia, e ao que atribúen máis de 200 feitos delituosos.
No marco desta actuación policial, bautizada como Operación Galaxia Aimalum, detívose a dúas persoas, consideradas 'xefas' do grupo delituoso, aínda que a investigación segue aberta e non se descartan novos arrestos.
As pescudas, levadas a cabo polo Equipo contra a Ciberdelincuencia da Garda Civil da Coruña, o posto da Garda Civil de Boiro e a Policía Nacional de Lugo, puxéronse en marcha en xuño de 2024, ao constatarse un aumento significativo de subtraccións de teléfonos móbiles de alta gama durante varias celebracións locais en Galicia.
Os axentes puideron comprobar que os delitos eran cometidos por unha organización itinerante, cuxos membros de desprazaban por temporadas desde os seus países de orixe até a provincia da Coruña, onde dispuñan de varios inmobles que utilizaban como 'base' loxística.
Desde eses pisos desprazábanse aos distintos eventos festivos que se celebraban por toda Galicia para subtraer os terminais telefónicos, ou ben usando a violencia (agresións físicas e tiróns), ou ben distraendo aos propietarios dos dispostivos.
Após facerse cos teléfonos, os delincuentes utilizaban sofisticadas técnicas para eludir as medidas de seguridade, empregando 'software malicioso' e, mediante enxeñaría social, suplantaban ao servizo de soporte técnico do fabricante do teléfono e enviaban ligazóns fraudulentas ás vítimas.
Deste xeito, lograban obter as credenciais de acceso aos servizos de almacenamento na nube, desvinculando a geolocalización dos terminais, tomando o control total dos teléfonos e bloqueando o acceso das vítimas á súa propia información persoal.
A explotación da operación levou a cabo de maneira graduada, de maneira que un dos xefes do grupo foi detido pouco antes dos Entroidos deste ano, e o segundo responsable foi interceptado á súa chegada a España, coincidindo co inicio do dispositivo de seguridade de Semana Santa.
Así mesmo, os investigadores levaron a cabo entradas e rexistros en dous domicilios na Coruña, e incautáronse de 12 dispositivos móbiles roubados, e diversos elementos de caracterización e disfrace que os sospeitosos usaban para pasar desapercibidos entre a multitude.
Aos investigados impútanselles máis de 200 delitos cometidos entre xullo de 2023 e decembro de 2025, en máis dunha quincena de municipios galegos. A operación segue aberta.