Entran en vigor as restricións por seca en 32 municipios e Pontevedra non se pecha a endurecelas se empeora

A alerta abarca ás localidades do Lérez e do Anllóns e a Baiona e prohibe "usos prescindibles" como a rega de xardíns

Archivo - Río Lérez ao seu paso por Pontevedra, en imaxe de arquivo.
AYUNTAMIENTO DE PONTEVEDRA - Archivo
Europa Press Galicia
Publicado: viernes, 14 agosto 2026 18:40

   PONTEVEDRA, 14 Ago. (EUROPA PRESS) -

   A situación de alerta por seca decretada pola Xunta en 32 municipios galegos, anunciada hai tres días, entrou en vigor este venres coas súas correspondentes restricións. Ademais, o Concello de Pontevedra confirmou, tras unha nova reunión, que continúan as "mesmas" que empezou a aplicar o martes a través dun bando, aínda que non descarta endurecelas se o caudal do Lérez segue baixando.

   Este encontro, convocado por Augas de Galicia --responsable da emisión das alertas--, reuniu telemáticamente este venres a representantes municipais de Pontevedra, Poio, Marín, Sanxenxo, Vilaboa, Ponte Caldelas e Bueu, aos que tamén abastece o sistema do Lérez e que acordaron crear unha comisión xestora para traballar nunha mancomunidade de abastecemento.

   Todos eles forman parte dos 32 municipios que se atopan baixo a alerta por "escaseza severa" decretada pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, que este venres oficializou o Diario Oficial de Galicia (DOG) coa publicación da resolución correspondente.

   Este aviso afecta, por unha banda, á unidade territorial de escaseza (UTE) do río Lérez e a ría de Pontevedra e á UTE do río Anllóns e a costa da Coruña até o límite con Arteixo, dúas concas que estaban en prealerta desde hai un mes. Ademais, a Xunta activou medidas equivalentes en Baiona (Pontevedra) sen chegar a declarar como tal a "escaseza severa".

   O nivel de alerta é o segundo máis alto dos establecidos no plan de seca da demarcación Galicia-Costa, que regula este tipo de situacións e marca a "emerxencia" como o nivel máis elevado. Outros 59 concellos están no chanzo inferior, no de prealerta.

   Esta declaración supón comezar a adoptar medidas para conservar os recursos hidráulicos existentes. Por exemplo, a prohibición de "usos prescindibles" como o baldeo de rúas, o enchido de piscinas ou a rega de xardíns. Así mesmo, en caso de ser necesario, pódense aplicar cortes de auga puntuais.

   A efectos prácticos, no caso de Pontevedra, estas restricións xa se estaban aplicando desde o martes, cando o goberno local emitiu un bando municipal no que marcaba medidas como as anteriormente mencionadas e que supuxo a súa aplicación desde o momento da súa publicación.

LÉREZ, CO "CAUDAL SUFICIENTE" PARA BOMBEAR

   Do mesmo xeito que xa o fixo o alcalde, a tenente de alcaldesa de Pontevedra, Eva Vilaverde, garantiu este venres que, polo momento, existe "caudal suficiente" para que o sistema de bombeo do Lérez siga captando auga. Deste xeito, considera que, "dentro da preocupación" que de seu carrexa unha seca destas características, "a situación é de certa tranquilidade".

   "Por tanto, as medidas a adoptar nesta situación de alerta, mentres continúe o bombeo, van seguir sendo as mesmas", explicou. Iso si, se non chove e o caudal segue baixando, "haberá que tomar a decisión de recorrer ao Pontillón do Castro", anticipou. Segundo o cálculo municipal provisional --que pediu non tomar como "inquebrantable"--, debería chover na semana do 24 de agosto para poder manter o sistema como até agora.

   Preguntada por posibles cortes nalgún dos concellos involucrados, a tenente de alcaldesa precisou que, aínda que cada un "é un mundo", decidiuse implantar "medidas similares" para que todo o sistema poida ter un "consumo responsable" e que o Lérez baixe "na mínima porcentaxe posible".

   Respecto de incumprimentos cidadáns sobre as medidas implantadas, o ente local non ten constancia de ningún polo momento. "Apelo e confío na responsabilidade dos veciños de Pontevedra que, como sempre dicimos, adoitan ser bastantes sensatos e sensatas", trasladou.

CREACIÓN DUNHA MANCOMUNIDADE DO LÉREZ

   Nesta reunión tamén se tratou a posible creación dunha mancomunidade que xestione colectivamente a concesión de augas do Lérez, para o que designaron representantes de cada municipio que participarán nunha comisión xestora. "O que urxe é xestionar a situación de seca. Cando isto pase, falamos do que queiramos", valorou Vilaverde.

   Pola súa banda, nun comunicado, Augas de Galicia celebrou a "importancia" do acordo para constituír esta comisión xestora que avance na creación deste organismo, que, ao seu modo de ver, "permitirá anticiparse e mellorar a resiliencia do sistema ante posibles escenarios de escaseza como o actual".

   "A Xunta leva anos defendendo que apostar por unha ferramenta de coordinación supramunicipal debe ser a base dun novo modelo de abastecemento máis moderno, eficaz e resiliente que o actual para os concellos da ría de Pontevedra", valorou, situando como futuro obxectivo do organismo servir de "estrutura estable de gobernanza" para adoptar decisións de xestión coordinadas.

   Ademais, anticipou que, tal e como marca a lei, a Oficina Técnica da Seca volverá reunirse dentro de aproximadamente dúas semanas co fin de avaliar a evolución do sistema do Lérez e no resto da demarcación.

Contador

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado