Falar por falar, "o acto de desobediencia" que Fillas de Cassandra reivindica co seu novo disco, 'Tertúlia'

O dúo vigués converte a portada do seu disco nunha exposición: 'Tertúlia: doce cancións, doce cadeiras' pode visitarse na Fundación Eugenio Granell

O dúo galego, Fillas de Cassandra. - EUROPA PRESS
Europa Press Galicia
Publicado: martes, 7 abril 2026 15:28

    SANTIAGO DE COMPOSTELA, 7 Abr. (EUROPA PRESS) -

   María Soa e Sara Faro, Fillas de Cassandra, presentaron este martes ante os medios o seu novo disco, 'Tertúlia', un álbum co que buscan reivindicar o acto "social e político" que representa o sentar e "falar por falar".

   "Ante o momento que vivimos, tan individualista, tan capitalista, de consumo... Queremos falar disto. De que hai que darlle un espazo a falar de nada, sen ter présa e que falar sexa tamén un acto de desobediencia", explican nunha entrevista concedida a Europa Press.

   Neste concepto, hai un elemento indispensable: "a cadeira". Protagonista da portada e agora tamén dunha exposición que completa ese concepto do faladoiro como acto social.

    A Fundación Eugenio Granell, onde compareceron este martes, acolle a instalación 'Tertúlia: doce cancións, doce cadeiras', do colectivo As dúas e punto con 12 cadeiras, completamente diferentes, colocadas en círculo, "como nun faladoiro".

    Cada unha delas representa unha das cancións do disco. Quen acuda á exposición -dispoñible este martes e mércores pola mañá- poderá escoitar o álbum antes de que salga, o 24 de abril, escaneando os códigos QR de cada asento.

    No seu equipo de tertulianas, como elas mesmas defínenas, ademais das dúas e punto, están Kika Ramil e Arancha Brandón, responsables da fotografía e o deseño gráfico.

ABRAHAM CUPEIRO, EDE E ZETAK, "TERTULIANOS"

   "O concepto de faladoiro xorde cando nos vimos precisamente neste momento, que nos atravesaba a necesidade de falar, non sobre nada en concreto, senón falar e botarlle tempo a falar (...). Nas sobremesas, nas 'saídas ao fresco'", explican.

    O denominador común a todo isto que atopaban cando preguntaban aos seus achegados, continúan, era a cadeira. "Preguntabamos e todo o mundo dicíanos: unha cadeira. É o que fai falta para ter o faladoiro, repousarse", comenta Sara.

    "Efectivamente, aínda que poidas ter o faladoiro de pé e poidas establecer unha conversación, pór a cadeira xa é como darlle espazo, dicir: vou estar aquí un ratito", apunta María.

    'Tertúlia' aborda temas tan diversos como a relación coas amigas, a violencia machista, o amor... "No faladoiro pódese falar de todo", remarcan.

    Neste faladoiro acompáñanas artistas como Ede, o navarro Zetak e Abraham Cupeiro, presente esta mañá na fundación e co que interpretaron a nana 'Filla filliña'.

    Aínda que recoñecen que non se poden quedar con só unha canción -"depende do mood"-, acábanse mollando. Sara quedaría con 'Alboroto', unha cadeira metálica, negra e con puntas, "que non convida a sentarche e que parece que che expulsa" e que representa todos os tipos de violencia contras as mulleres.

   María, pola contra, recoñece que ten "ganas de festa" e por iso escolle 'Insolación', representada nunha estrutura de metacrilato e cera branca que plasma "a éxtase da liberación en comunidade até derretirse".

   Após a publicación do álbum o 24 de abril, Fillas de Cassandra fará a primeira presentación en directo o 9 de maio, en Pontevedra, no recinto feiral. Os que acudan, avanzan, atoparanse co "pico" da performance que tanto as caracteriza.

    "Tentaremos transformar ese escenario precisamente neses espazos para que se dea o faladoiro, con moita conexión e comunicación co público desde esa electrónica intensa", comentan.

Contador

Contenido patrocinado