Oito detidos e dous investigados na desarticulación dun punto de venda de drogas en Boiro (A Coruña)

A Garda Civil dá por desarticulado o grupo criminal, cuxa suposta xefe ingresa en prisión provisional

Droga e diñeiro incautado pola Garda Civil na desarticulación dun punto de venda de drogas en Boiro (A Coruña).
GUARDIA CIVIL
Europa Press Galicia
Publicado: jueves, 3 julio 2025 11:50

   SANTIAGO DE COMPOSTELA, 3 Jul. (EUROPA PRESS) -

   A Garda Civil detivo a oito persoas e investigou a outras dúas, por delitos contra a saúde pública e pertenza a grupo criminal, nunha operación que permitiu desarticular un punto de venda de drogas que operaba as 24 horas en Boiro (A Coruña).

   Segundo informa o Instituto Armado nun comunicado, o oito apresados correspóndense con seis homes e dúas mulleres, veciños de Boiro e Rianxo. Ademais, a presuntA responsable do grupo ingresou en prisión provisional.

   A investigación da operación, bautizada como 'Jalea Real', iniciouse xa en xuño de 2024 e centrouse nunha vivenda no centro da localidade que operaba como un punto de venda de estupefacientes "as 24 horas do día".

   Tras un ano de pescudas, os axentes constataron que a responsable do grupo, que xa contaba con antecedentes por delitos relacionados con drogas, utilizaba "complexas estratexias para evitar ser detectada".

   Así, cambiaba constantemente os métodos de distribución, realizaba paradas intermitentes nos seus traxectos e contaba cunha rede de colaboradores que efectuaban as vendas en distintos puntos discretos do centro urbano, alternando aos distribuidores para non levantar sospeitas. Nalgúns momentos, chegáronse a identificar até nove persoas realizando estes labores.

   Ademais, segundo a Garda Civil, "a trasfega de toxicómanos na zona era notoria", o que "provocara un aumento significativo de infraccións penais como roubos e furtos, perpetrados por persoas con amplo historial delituoso" que acudían ao momento de venda desde diversas localidades da comarca da Barbanza.

   Alí adquirían cocaína, crack, heroína e haxix, entre outras sustancias. De feito, chegouse a constatar a presenza de máis dunha trintena de compradores nun só día.

DETENCIÓN DA PRINCIPAL RESPONSABLE

   A semana pasada, o martes 24 de xuño de 2025, produciuse a detención da principal dirixente deste grupo criminal cando saía da vivenda.

   Posteriormente, realizouse un rexistro domiciliario autorizado polo Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 1 de Ribeira, en funcións de garda, durante o cal se interviñeron diferentes cantidades de droga.

   En concreto, os axentes incautáronse de 197 dose de cocaína (42,16 gramos), 303 dose de heroína (33,08 gramos), 8 de crack (1,9 gramos), 93 de haxix (28,09 gramos), 15 pastillas de metadona (3 gramos) e 12 dose de marihuana (5,98 gramos).

   Así mesmo, foron intervidos varios efectos procedentes de roubos e furtos, incluíndo unha bicicleta valorada en 3.000 euros que xa foi recoñecida polo seu lexítimo dono.

OUTRAS SETE DETENCIÓNS

   Tras estas intervencións, practicáronse as detencións das outras sete persoas que formaban parte do grupo criminal como colaboradores directos na distribución das drogas. Tamén hai dous investigados.

   Con estas actuacións, a Garda Civil dá por pechada a operación 'Jalea Real' e por desarticulado un punto de venda de drogas de gran relevancia na comarca da Barbanza.

   O xulgado de Ribeira decretou o ingreso en prisión da principal responsable do grupo, mentres que deixou en liberdade con cargos ás outras nove persoas.

Últimas noticias sobre estos temas

Contenido patrocinado