SANTIAGO DE COMPOSTELA, 12 Dic. (EUROPA PRESS) -
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, volveu a insistir en que o até agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, debe deixar tamén a acta de deputado provincial tras renunciar á presidencia despois de transcender as acusacións contra el de acoso sexual.
A preguntas dos medios este venres nun acto no Parlamento, a líder nacionalista pediulle ao político lucense que tome "a única decisión sensata" desde o punto de vista "ético e moral": "Deixar todas as súas responsabilidades".
Unha cuestión que, para Pontón, implica "deixar as actas", algo que manifestou "debería de facer durante o día de hoxe" e é o que, engadiu, esixen desde o BNG.
"Esta persona pertencía á dirección do PSOE e será esta organización quen teña que resolver un problema que non ten nada que ver connosco", subliñou.
Nesta liña, cuestionada polo pacto BNG-PSOE na Deputación de Lugo, Pontón insistiu en que o Bloque dixo desde o primeiro momento que non estaría "nun goberno no que participase Tomé". "Esa é a posición que temos e niso seguimos", remarcou.
Todo iso, lembrou, nun contexto con "acusacións tan graves" que lle causan "gran indignación". Por iso, manifestou que Tomé debe "non só renunciar, senón renunciar á acta" que, recoñeceu, "tal e como está a lexislación, as actas non son das organizacións, senón das persoas".
"Pero por dignidade, ética e respecto ao que debe de ser a política e respecto á institución, o que debería de facer é deixar esa acta", reiterou.
DOBRE VARA DE MEDIR DO PP
Doutra banda, a portavoz do BNG volveu a sinalar que cando hai unha denuncia o que hai que facer é "acompañar ás vítimas", algo que, relatou, "non é sempre o que se fai", facendo referencia á denuncia contra o exconselleiro do Mar Alfonso Villares por unha presunta agresión sexual.
"Recordo que o PP ante unha denuncia no xulgado por unha situación de acoso sexual, en lugar de acompañar, o que fixo foi despedir entre aplausos ao exconselleiro do Mar. É unha vergoña e pareceríame terrible que esta práctica se puidese estender a todo tipo de organizacións", aseverou.
Por todo iso, Ana Pontón insistiu en que o BNG estará sempre "ao lado das vítimas" e das mulleres que denuncian, "acompañándoas e deixando claro que a prioridade debe ser estar ao seu lado".
Neste sentido, mostrou a súa "preocupación" porque o PP "utilice ás vítimas para facer a súa política cutre", pondo o foco na advertencia da Xunta ao Goberno de retirar á Unidade de Policía Adscrita o labor de protección ás vítimas de violencia machista se non se renova o convenio de colaboración e se asignan máis medios a Galicia.
"Paréceme unha mezquindade que non podemos tolerar cando falamos de algo tan grave como a violencia machista", reprochou antes de criticar a "dobre vara de medir do Partido Popular".