SANTIAGO DE COMPOSTELA 20 Mar. (EUROPA PRESS) -
O Laboratorio do Territorio (Laborate) do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da Universidade de Santiago, a Xunta e a Universidade de A Coruña están a colaborar coa Universidad Nacional de Loja en Ecuador na creación dun Sistema de Información Catastral Multi-finalitario na parroquia de Vilcabamba, en Loja (Ecuador), que servirá como ferramenta de planificación territorial e xestión da propiedade na zona.
Como consecuencia da experiencia investigadora acumulada pola USC nos eidos da xestión territorial e os sistemas de información, estudiouse unha semellante á galega coa Universidad Nacional de Loja e a súa área de influencia para acadar unha "máis eficiente xestión da relación propidade da terra-uso do territorio", segundo informou a USC.
O desenvolvemento desta iniciativa de colaboración en Vilcabamba contará co apoio do Centro Integrado de Xeomática Ambiental (Cinfa) que impulsará procesos de desenvolvemento sostible.
Neste marco, durante o ano 2004 executouse o proxecto 'Aplicación dos Sistemas de Información Xeográfica no Ordenamento Territorial Rural da Provincia de Loja' que logrou dotar do equipamento básico ao Cinfa, transferir coñecementos e experiencias por parte dos técnicos do Laborate e levantar a infraestrutura de servizos e equipamentos básicos na parroquia de Vilcabamba.
O paso seguinte, que comezou cun novo proxecto no ano 2005 e que se pretende estea rematado a finais do 2006, sería crear un Sistema de Información Catastral Multi-finalitario en Vilcabamba, segundo confirmou o profesor Rafael Crecente.
Este sistema identificará a propiedade da terra e as construccións, realizando unha valoración das mesmas. Como primeiros resultados do proxecto, estableceuse un compromiso de colaboración entre o Cinfa e o Goberno Municipal de Loja, e tamén colaborará no proxecto a Universidad do Azuay, con experiencia en metodoloxías de valoración.
Entre os beneficios esperados do proxecto atópase a capacitación tecnolóxica, o saneamento da propiedade, o incremento nos ingresos municipais, para que co replicamento do proxecto noutras áreas se poida contribuír a acadar maiores niveis de desenvolvemento.
VALOR ENGADIDO
Vilcabamba é unha parroquia de Loja con certo dinamismo e moi coñecida polos seus atractivos turísticos, onde a lonxevidade dos seus habitantes tense convertido nun reclamo para todas aquelas persoas que buscan prolongar a súa esperanza de vida. Isto explica que moitos cidadáns estranxeiros estean mercando parcelas na parroquia para construír vivendas, o que está supoñendo un notable incremento de prezos.
Este valor engadido de Vilcabamba contrasta coa ausencia de ferramentas de xestión e control da propiedade, --en Ecuador a competencia catastral reside nos gobernos municipais-- e das infraestructuras e dotacións locais, situación que se pretende corrixir coa creación dun catrasto.