Anxo Quintana salienta a achega do grupo Milladoiro a prol do espallamento da cultura galega polo mundo

Actualizado: domingo, 25 junio 2006 20:17

SANTIAGO DE COMPOSTELA, 25 Jun. (EUROPA PRESS) -

O vicepresidente da Administración autonómica, Anxo Quintana, eloxiou hoxe o importante traballo realizado polo grupo musical Milladoiro a prol do espallamento da música e da cultura galega por todo o mundo.

Quintana expresou o seu apoio a este conxunto, do que subliñou non só a súa calidade artística, senón tamén o seu labor para facer chegar a todos os recunchos do mundo a esencia de Galiza. "Hai que darlles as grazas por ser un auténtico embaixador deste país, desta gran nación que é Galiza alá por onde foran", destocou Quintana.

O vicepresidente da Xunta fixo estas declaracións no decurso da entrega do XXIV Premio Trasalba, concedido pola Fundación Otero Pedraio, e que este ano recaeu no conxunto galego Milladoiro. O acto, que se desenvolveu na sede da Fundación, en Amoeiro, contou coa asistencia de destacadas personalidades do mundo cultural, político e social de Galiza.

Na súa intervención, Anxo Quintana felicitou a Milladoiro pola consecución deste galardón e animou a todos os seus integrantes a seguir a traballar e a continuar a "agasallar os nosos oídos e o noso espírito". Asemade, Quintana tivo palabras de agradecemento á Fundación Otero Pedraio e ao seu presidente, Víctor Freixanes, pola organización do Premio Trasalba e pola súa contribución ao enriquecemento da cultura galega. Neste sentido, lembrou que o Premio Trasalba vén a simbolizar "o traballo ben feito, o compromiso co pais e coa identidade de todas e todos os galegos".