SANTIAGO DE COMPOSTELA 21 Jun. (EUROPA PRESS) -
As prazas de Praterías e do Toural e a sede do Casino de Santiago acollerán hoxe os recitais cos que se conmemora o 'Día Europeo da Música. Están programados seis concertos, dos que cinco terán lugar ao aire libre, co obxecto de achegar a música á rúa e á xente que pasea por ela.
Por quinto ano o Casino de Santiago promove esta celebración do 'Día Europeo da Música' e pretende levar a música a todos os públicos nun ambiente único como é o do casco histórico da capital galega. O programa musical abrirase ás 12.00 horas, cun concerto a cargo da Banda Municipal na Praza de Praterías. Xa pola tarde, ás 19.00 horas, o Casino de Santiago será o escenario dun concerto do pianista Javier López Jorge.
Outra proposta é o jazz, con dúas actuacións na Praza do Toural a partir das 19.00 horas e ças 20.30 horas. Primeiro tocarán Carmen Rey & José Nine Quartet e logo tocaralle o turno a Leo Gianetto's Jazz Project.
Tamén haberá lugar para a música tradicional galega, coa presenza da Asociación folclórica Cantigas e Agarimos na Praza do Toural a partir das 21.30 horas. Pechará o 'Día Europeo da Música' o concerto do duo que integran Guillermo Fernández e Guadi Gallego, dous dos membros de Berrogüetto, que presentan traballo en solitario.
O Casino de Santiago é a entidade organizadora deste programa, para o que contou coa colaboración da Escola de Música 'Estudio' e co patrocinio das concellalías de Cultura e de Rehabilitación do Casco Histórico e da Dirección Xeal de Creación e Difusión Cultural da Consellería de Cultura.