O Auditorio de Galicia analiza dende mañá a evolución da arte en Galicia nos últimos 30 anos na mostra 'Sen xeración'

Europa Press Galicia
Actualizado: martes, 25 abril 2006 14:08

SANTIAGO DE COMPOSTELA 25 Abr. (EUROPA PRESS) -

O Auditorio de Galicia inaugura mañá 'Sen xeración' ás 20.30 horas, unha exposición dunha serie de artistas, trece en total, que por diferentes circunstancias, a historia quixo deixar "sen xeración" e que ten por obxectivo investigar e analizar o acontecido neste últimos anos na arte en Galicia.

A idea é desterrar a visión reducida dos anos 80 e 90 en Galicia, marcados polo coñecido fenómeno de Atlántica primeiro, e por unha xeración ligada ao académico despois e dotar dun contexto a unha serie de artistas dos que se coñece a obra moi parcialmente.

O dominio total na memoria colectiva do fenómeno Atlántica, ao mesmo tempo que significou unha apertura e unha dose de visibilidade para os artistas galegos, supuxo un tapón para outros que se viron excluídos de moitas iniciativas pola súa non pertenza ao virtual colectivo.

No que respecta á elección de artistas, o comisario da mostra, David Barro, sinalou que aínda que "poderían ser outros, seguramente moitos máis, decidiuse facer unha nómina máis pechada que recollera os máis significativos e aos que a historia recente de Galicia, aínda non foi o suficientemente xusta con eles".

Artistas como Din Matamoro, Tono Carbajo ou Manolo Paz camiñaron dunha maneira paralela ou próxima aos máis coñecidos dos artistas 'atlánticos', mentres outros como Darío Álvarez Basso, Berta Cáccamo, Xoán Anleo ou Pamen Pereira chegarán despois e verán como as súas respectivas traxectorias cobran vida e se desenvolven fóra de Galicia.

Máis tarde chegará unha nova xeración de artistas apoiados dende o ámbito da Facultade de Belas Artes de Pontevedra e serán outros como Guillermo Aymerich, Carlos Rial ou Diego Santomé, quenes quedarán, outra vez, sen xeración.

Con esta ocasión, editarase un libro do que é autor David Barro que recolle o acontecido no ámbito artístico galego dende os anos 70 ata hoxe. O libro recollerá un estudo pormenorizado da década 1984-1994, que foi obxecto dun esquecemento á hora de facer reflexións sobre o acontecido nos últimos trinta anos da arte en Galicia e que será motivo principal de esta mostra.

O libro recupera imaxes das diferentes obras dos artistas e de exposicións históricas. Contará cun prólogo dun dos críticos que máis acompañou a estos artistas, seguramente un crítico tamén 'sen xeración', Alberto González-Alegre.

A exposición, que permanecerá aberta ata o 18 de xuño de 2006, completarase cunha web site de artistas galegos con imaxes, vídeos e curriculums que será unha fonte de consulta para calquer persoa que desexe coñecer aos artistas galegos. O site será presentado no Auditorio de Galicia e ubicado en Internet.

Contenido patrocinado