A CORUÑA 14 Ago. (EUROPA PRESS) -
O porto coruñés dará a benvida hoxe ó Hidria II unha das embarcacións máis emblemáticas do noso patrimonio marítimo totalmente rehabilitado e convertida no Barco da Memomia, que está a percorrer este verán a costa galega e rende homenaxe ás persoas represaliadas tras o golpe de estado franquista na Galiza mariñeira.
A embarcación recalará dende hoxe ao venres día 18 no peirao da Coruña coa súa exposición "Os mártires do mar" e con múltiples actividades que se desenvolverán tanto a bordo como en terra.
O Barco da Memoria traerá consigo exposicións, charlas, recitais poéticos, música e proxeccións audiovisuais. Na organización das diferentes actividades previstas, xunto á consellería de Cultura, tamén participará a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña coa colaboración da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Coruña.
Para darlle a benvida ao barco, á súa chegada ao porto ás 19 horas, terá lugar un acto no que intervirán Manolo Rivas e representantes da Asociación Cultural Alexandre Bóveda e da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña. Haberá tamén un recital poético. Para rematar a xornada haberá pasarrúas pola Cidade Vella e polo contorno do barco.
O Barco da Memoria forma parte das actividades organizadas pola Consellería de Cultura e Deporte dentro do Ano da Memoria para dar a coñecer unha época da historia galega que aínda ten demasiados silencios según os organizadores.
Na costa a represión iniciada tras o golpe de estado ensañouse co tecido sindical que se creara arredor das fábricas conserveiras e dos traballadores mariñeiros. Así, os líderes sindicais e persoas significadas na loita polas liberdades e polas melloras das condicións laborais foron asasinadas, sufriron prisión ou foron repudiadas.
O Hidria II comezou a súa singradura en Cambados e, tras Moaña, San Simón, Baiona, Marín, O Grove, Illa de Arousa, Rianxo, Cabo de Cruz, Ribeira, Portosín e Muros chegará hoxe á Coruña. Tamén recalará este mes en Mugardos, Ferrol, Ría de Vigo e Cangas. Finalmente, en setembro, estará en Vigo, en Raxo e en Vilagarcía.
EXPOSICIÓNS PERMANENTES
A exposición "Os mártires do mar", sobre a represión na costa galega tras o golpe militar, estará accesible mediante visitas guiadas todos os días de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. A esta mostra súmase a de "Tebeos sobre a represión no franquismo", tamén situada nas adegas do barco.
O día 15 ás 19.00 horas, terá lugar unha conferencia sobre " A represión en Galicia posterior á guerra civil", por Manuel Peña Rey. Unha hora máis tarde, o grupo musical "A Quenlla" actuará na cuberta do barco, dentro dos actos do Día da Galiza Mártir.
MULLER E REPRESIÓN
O mércores, a partir das 12.00 horas, farase unha maratón de lectura sobre a represión en Galiza, e en especial sobre as mulleres. Este evento celebrarase nunha carpa situada fronte ao Hidria II.
Pola tarde, ás 19.00 horas terá lugar unha mesa redonda sobre "A muller como vítima do franquismo". Neste acto participarán: Victoria Martínez Rodríguez, sobre "A Sección Feminina e o proxecto de muller no franquismo"; Ángel Rodríguez Gallardo, sobre a "Tortura, represión e resistencia, un caso paradigmático: Enriqueta Otero Blanco"; Carme Blanco, sobre "Amor e morte de Juana Capdevielle"; Aurora Marco sobre a "Participación da muller na guerrilla antifranquista" e Lois Pérez Leira, sobre "Galegas perigosas no cárcere de Santurrarán".
DÍA DA GALIZA MÁRTIR E ROTEIRO CONTRA SÍMBOLOS FRANQUISTAS
O día 17, día da Galiza Mártir, ás 19.00 horas haberá unha intervención do presidente da asociación cultural, Alexandre Bóveda, Paco Peña, seguida da actuación do Coro Alexandre Bóveda. Ás 20.15 horas Manolo Rivas e o presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, farán unha lecPara rematar o día, ás 22.00 horas tura dramatizada, e un concerto de música clásica. O remate do día, terá lugar unha iluminación artística co lema "Día da Galiza Mártir- 06".
O último día no que o Hidria II permanecerá na Coruña, o día 18 ás 12.00 horas, presentarase o documental "A cidade da selva", de Helena Villares. Pola tarde, ás 18.30 horas celebrarase un roteiro baixo o lema "Segunda marcha contra a simboloxía franquista: Xenocidio Nunca Máis!", que sairá da Praza Cánovas Lacruz e discorrirá polo centro da cidade.