O CEER convoca as axudas para as sesións científicas sobre o desenvolvemento da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal

Europa Press Galicia
Actualizado: viernes, 28 julio 2006 19:25

A CORUÑA 28 Jul. (EUROPA PRESS) -

A Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal (CEER) convocou as axudas para fomentar a organización de sesións científicas que traten temáticas relacionadas co desenvolvemento económico, social, territorial e cultural da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, e que terán lugar entre o 1 de setembro e o 30 de decembro deste ano.

Poderán acollerse a esta convocatoria o persoal docente e investigador das universidades da Coruña, Santiago de Compostela, Vigo, Porto, Tras-os-Montes e Alto Douro, e Minho.

No caso da Universidade da Coruña, os interesados poderán recoller os impresos de solicitude no Rexistro da Reitoría, na Maestranza. O prazo de presentación das solicitudes, que se efectuará no mesmo lugar, pecharase o 16 de agosto.

O CEER é unha entidade sen ánimo de lucro, constituída polas universidades mencionadas, así como pola Xunta de Galicia, a Comunidade de Traballo, o Eixo Atlántico e a Comissao de Coordenasao e Desenvolvimento Regional do Norte, co financiamento do Programa Interreg III-A. Ademais desta convocatoria de axudas, esta entidade promove outras accións, como cursos de posgrao especializados de interese para esta eurorrexión.

Contenido patrocinado